• O líder do PP traslada aos representantes sindicais unha proposta que recoñece a súa experiencia, a súa formación e o desempeño dos profesionais municipais
• “Quero unha relación cos traballadores baseada no respecto, no diálogo e na negociación. Son fundamentais para que o Concello funcione e para prestar aos pontevedreses os servizos que merecen”, asegura
O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou este martes en rolda de prensa o seu compromiso de poñer en marcha a carreira profesional dos traballadores do Concello, unha proposta que trasladou esta semana aos representantes sindicais.
Domínguez defendeu un novo modelo de relación cos profesionais municipais baseado “no respecto, no diálogo e na negociación”, e asegurou que mellorar as súas condicións e recoñecer o seu traballo repercute tamén nun mellor servizo á cidadanía.
“Temos excelentes profesionais no Concello e debemos ser capaces de valorar a súa experiencia, favorecer a súa formación, reter talento e darlles ferramentas para seguir progresando”, sinalou o portavoz municipal.
A proposta inicial do PP contempla distintos graos de carreira profesional en función da antigüidade, o desempeño no posto de traballo e a formación. Os traballadores poderían acceder aos distintos niveis aos 5, 10, 15 e 20 anos de antigüidade, sempre cunha avaliación favorable e cumprindo os requisitos de formación establecidos.
Cada grao levaría aparellado, ademais, un complemento económico progresivo, que iría desde o 25% ata o 100% dun salario base no nivel máximo.
Domínguez explicou que se trata dun documento de partida aberto á negociación cos sindicatos e comprometeuse a convocar aos representantes dos traballadores durante a súa primeira semana como alcalde.
A proposta de calendario formulada polo líder do PP local, pasa por abrir unha mesa específica de negociación sobre a carreira profesional no mes de xullo 2027, tramitar posteriormente a normativa necesaria no pleno e incorporar a medida aos Orzamentos municipais de 2028, coa intención de que entren en vigor o 1 de xaneiro do mesmo ano.
“Quero ser o alcalde de todos os pontevedreses e tamén dos traballadores do Concello. Eles son imprescindibles para que esta cidade funcione cada día. A política de persoal non pode basearse no conflito, senón no respecto, no diálogo, no recoñecemento do traballo ben feito e na procura constante de acordos”, concluíu.

