SOS Sanidade Pública do Salnés aborda a saúde mental e o traballo nunha charla en Vilagarcía

Redacción

A Plataforma SOS Sanidade Pública, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, o Movemento Galego de Saúde Mental e a Asociación de Psicoloxía Clínica do SERGAS, organiza no Salnés unha charla-coloquio con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra o vindeiro 10 de outubro.

O acto terá lugar este xoves 8 de outubro, ás 20.00 horas, no Auditorio de Vilagarcía, baixo o lema “ Traballo e Saúde Mental. A saúde non é un negocio”, e contará coa participación de Eduardo Martínez Lamos, representante do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia; Begoña Mallo Rey, presidenta da Xunta de Persoal da Área Sanitaria Pontevedra-O Salnés; e Xosé Manuel Ribadomar García, voceiro de SOS Sanidade Pública do Salnés.

A xornada abordará a estreita relación entre traballo e a saúde mental, sendo o desemprego e a precariedade elementos de primeira magnitude no desencadeante da enfermidade.

Segundo os datos do Ministerio de Traballo e Economía Social, de outubro de 2025, as baixas por síntomas emocionais aumentaron preto dun 490 % nos últimos seis anos, mentres que os diagnósticos de estrés medraron un 230 % e os trastornos de ansiedade un 120 %.

“Estamos ante un problema de saúde pública de primeira magnitude ao que o sistema sanitario non está dando unha resposta suficiente”, sinala Xosé Manuel Ribadomar, que lembra que no distrito do Salnés 204 persoas agardan actualmente por unha primeira consulta de psiquiatría, 56 máis que en decembro de 2025.

O voceiro denuncia tamén a falta de profesionais: “En atención primaria a presenza da psicoloxía clínica continúa sendo testemuñal, con só 28 psicólogos para toda Galiza, o que provoca meses de demora nas consultas”.

A plataforma tamén alerta sobre os datos de suicidio e o elevado consumo de psicofármacos en Galiza. En 2025 rexistráronse 303 suicidios no país, preto dun ao día.

 “Levamos meses asistindo a unha campaña calculada, sostida e perfectamente orquestrada pola Xunta de Galicia para instalar na sociedade unha idea tan falsa como inxusta: que hai unha epidemia de baixas, que a xente colle baixas laborais sen xustificación”, sinala Ribadomar.

“É o criterio médico o que determina se unha baixa é necesaria para recuperar a saúde das persoas traballadoras”,critica o voceiro da plataforma. Neste sentido, lembra que Galicia presenta unha incidencia de baixas de 24 por cada mil traballadores, fronte aos 35 da media estatal.

SOS Sanidade Pública do Salnés fai un chamamento á veciñanza para participar nesta charla-coloquio, na que se analizará a situación da saúde mental, as condicións laborais e a resposta dos servizos públicos.

Ribadomar tamén fai un chamamento a participar no acto central en Compostela, o sábado 10 de outubro, ás 12:30 h., na Praza do Toural (en caso de chuvia será no Centro Sociocultural do Castiñeiriño).

Comparte este artigo