Unha ducia de persoas do CEE e o do Centro Ocupacional adestrarán todos os venres no Campo Municipal de Vilariño baixo o paraugas deste programa de inclusión social e deportivo da Fundación Celta e In-Red
A escola estará aberta a calquera persoa da comarca con capacidades diferentes, tendo como obxectivos o aprendizaxe e benestar e a mellora da calidade de vida dos seus deportistas
O Concello de Nigrán ven de estrear a primeira escola de fútbol ‘Celta Integra Zelnova’ do Val Miñor cunha ducia de deportistas vinculados ao Centro Juan María. O obxectivo é que este programa de inclusión social da Fundación Celta e a Asociación Empresarial In-Red (entidade á que pertence a Asociación La Esperanza del Valle Miñor-Centro Juan María) contribúa a mellorar a calidade de vida dos seus xogadores e as súas familias. A escola foi presentada a semana pasada no Campo de Futbol Municipal Jorge Souto (Vilariño), onde cada venres de 10:30 a 12:30 horas sete nenos e nenas do CEE Juan María e 5 usuarios do Centro Ocupacional Juan María adestrarán ata o mes de xuño baixo a dirección integral do equipo técnico da Fundación Celta. O obxectivo inicial é consolidar a actividade para que calquera persoa con diversidade funcional da comarca interesada en xogar ao fútbol poida unirse, independentemente de se é usuaria do Juan María ou non.
“Somos un Concello que aposta firmemente pola inclusión, asi que non podemos estar máis orgullosos de contar cunha escola de fútbol que atende a diversidade e que ven da man da Fundación Celta porque sabemos perfectamente que o deporte ten o poder de transformar a vida das persoas”, sinalou o alcalde, Juan González, durante o acto de presentación, no que estivo acompañado por representantes da Fundación Celta, In-Red, Juan María e Racing Vilariño.
“Desde 2015, a Fundación Celta impulsa este programa social e deportivo, ofrecendo a práctica de fútbol nunha contorna inclusiva, cos valores e o saber facer do noso club. Un espazo de aprendizaxe e benestar, onde mozos e mozas de diversas asociacións e centros de educación especial descobren o poder transformador do fútbol”, indicou Germán Arteta, director da Fundación Celta, en referencia as escolas que dirixen na Madroa (Vigo), Ourense, Santiago, e agora, Porriño e Nigrán, sumando un total de 150 beneficiarios.
“Desde maio fixeron adestramentos de proba e finalmente interesáronse unha ducia de usuarios, que son os que comezan con este escola de fútbol que, estamos seguros, irá medrando, porque queremos que sexa aberta a toda persoa da comarca con diferentes capacidades”, explica Alberto González, coordinador do Juan María, quen insiste en que o obxectivo non é competir nin gañar títulos. “Non participarán nunha liga en si mesma pero organizaranse torneos e partidos para motivalos”, matiza. Neste sentido, explica que no Centro teñen experiencia en fútbol-sala, pero é a primeira vez que, grazas a esta colaboración, poden dar o paso ao fútbol 11. “Está demostrado que o deporte inclusivo mellora a vida de cada participante e as súas familias, ofrecendo unha contorna onde a autonomía, a autoestima e a sociabilidade florecen, por iso estamos moi contentos con esta iniciativa”.
Paralelamente, o alcalde insiste en que ademáis de beneficiar aos deportistas que se sumen á actividade, “o deporte inclusivo contribúe a derrubar barreiras mentais e estereotipos sobre a discapacidade, ademais de que promove o dereito de participación de todas as persoas”, aspecto que sitúa na política municipal ‘Un Nigrán para todos’ e que, neste mesmo fin de semana, quedou patente tamén na praia de Patos coa celebración por quinto ano consecutivo do Campionato de España de Surf Adaptado.

