O acto central celebrouse este sábado na praza de Talo Río baixo o lema «Os contos saen á rúa», cunha proposta participativa da Escola Municipal de Teatro. A campaña inclúe tamén faladoiros, obradoiros de autoestima corporal e accións de sensibilización nos espazos deportivos municipais.
O Concello de Soutomaior continúa desenvolvendo a súa programación con motivo do 25 de novembro, Día Internacional Contra as Violencias Machistas, cunha campaña que este ano pon o foco na diversidade corporal, na prevención da violencia estética e na loita contra os estereotipos e os modelos de beleza impostos ás mulleres.
O acto central da programación tivo lugar este sábado na praza de Talo Río, cunha iniciativa baixo o título «Os contos saen á rúa», na que personaxes tan coñecidas como Branca Neves, Cincenta, A Sereíña, A Patiña Fea e A Raíña de Branca Neves saíron dos contos tradicionais para cuestionar os estereotipos e reivindicar historias nas que cada muller poida decidir quen quere ser e como quere vivir.
A través da actividade «Estatuas e personaxes», celebrada nos soportais de Talo Río, as personaxes cobraron vida para interpelar as persoas asistentes e convidalas a reflexionar sobre os modelos de beleza impostos ás mulleres. Posteriormente, no local municipal de persoas maiores, a Escola Municipal de Teatro desenvolveu «Reescribimos o conto», unha actividade participativa na que se deron novos finais ás historias tradicionais, libres de estereotipos e prexuízos. A xornada rematou coa lectura do Manifesto do 25N.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou a importancia de abordar todas as formas de violencia que condicionan a liberdade das mulleres e sinalou que «cando falamos de igualdade e de combater a violencia machista tamén temos que falar das presións estéticas, dos estereotipos e desas imposicións que, desde moi novas, marcan como se supón que deben ser os corpos das mulleres. Queremos un Soutomaior no que cada persoa poida vivir libremente, sen ter que encaixar en ningún modelo nin responder a expectativas impostas».
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social e de Igualdade, Rosana Martínez Boullosa, subliñou tamén o valor de desenvolver actividades que impliquen á veciñanza e que permitan traballar a igualdade desde diferentes ámbitos e xeracións. «A educación, a cultura e a sensibilización son ferramentas fundamentais para construír unha sociedade máis xusta. Por iso apostamos por unha programación que non se limite a conmemorar unha data, senón que abra espazos de reflexión e axude a transformar miradas e comportamentos».
REFLEXIONAR SOBRE OS CORPOS E OS CANONS DE BELEZA
A programación arrancou o pasado xoves 19 de novembro na Biblioteca Municipal Luís Seoane co faladoiro «Corpos libres, mentes sas», unha mesa coloquio que abordou a relación entre alimentación, nutrición, saúde e canons estéticos, analizando como o corpo e a comida poden converterse en ferramentas de control.
O encontro estivo moderado pola xornalista Laura Fresneda e contou coa participación de Lidia Folgar, dietista e nutricionista; Claudia Bedoya, médica especialista en saúde dixestiva e inmunonutrición; e Lidia Fernández Lorenzo, técnica en nutrición.
A concelleira de Igualdade e Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, destacou que «a violencia contra as mulleres tamén se manifesta de formas que ás veces pasan desapercibidas, como a presión constante sobre os seus corpos, a discriminación polo aspecto físico ou a imposición dun único modelo de beleza. É importante poñerlle nome a estas violencias, visibilizalas e ofrecer ferramentas para combatelas».
«CORPOS LIBRES, MIRADAS DIVERSAS»
A campaña continuará co obradoiro «Corpos libres, miradas diversas», unha proposta de formación e reflexión sobre autoestima corporal, prevención da violencia estética e gordofobia.
As sesións celebraranse os mércores 25 de novembro e 2, 9 e 16 de decembro, en horario de 17:00 a 20:00 horas. As inscricións son de balde e poden realizarse en liña ata o 20 de novembro ás 14:30 horas a través da web municipal: https://soutomaior.gal/produto/corpos-libres-miradas-diversas/
«AQUÍ ADESTRAN CORPOS LIBRES»
A programación complétase coa campaña «Aquí adestran corpos libres!», unha acción de sensibilización que xa chegou ás instalacións deportivas do concello.
A concelleira Rosana Martínez Boullosa realizou o reparto das siluetas identificativas da campaña nos diferentes espazos deportivos cos que conta o Concello de Soutomaior. Trátase dunha intervención visual que busca visibilizar e reivindicar a diversidade corporal tamén nos lugares vinculados ao deporte e á actividade física, fronte ás imposicións estéticas e aos modelos únicos de beleza.
Baixo a mensaxe «Non me veñas con contos!!!», o Concello de Soutomaior aposta así por unha programación que combina cultura, educación, participación e sensibilización para avanzar cara a unha sociedade libre de violencias, discriminacións e prexuízos.
Porque ningún corpo necesita encaixar nun canon e ningunha muller debe vivir sometida a imposicións.

