A Xunta de Goberno do Porriño da luz verde a novas licenzas industriais, comerciais e de emprendemento

Redacción

O Concello do Porriño segue a dar pasos no impulso económico da localidade. A Xunta de Goberno Local aprobou recentemente un paquete de expedientes clave para a consolidación e expansión de actividades industriais, comerciais e de emprendemento no municipio.

No eido industrial e tecnolóxico, destaca a concesión da licenza de primeira ocupación e actividade para a ampliación da actividade de investigación metalúrxica de AIMEN no polígono PPI-2, un paso importante para reforzar o posicionamento do Porriño como referente en innovación e desenvolvemento do sector metalúrxico.

Así mesmo, deu a súa aprobación ao inicio da produción e comercialización de microproteínas por parte da empresa ODS Protein, unha aposta pola biotecnoloxía e a innovación alimentaria. Completan os acordos no ámbito industrial a concesión dunha nova licenza de actividade para a montaxe de produtos téxtiles e outra para servizos de enxeñaría no parque empresarial da Granxa.

Xunto a estas actuacións no sector industrial, a Xunta de Goberno Local tamén tramitou diversos expedientes de obra orientados ao comercio e servizos locais, entre os que se inclúen as autorizacións para a instalación dunha hamburguesaría, un local de ioga e unha actividade dedicada á venda de uva. Con estas licenzas, o Concello reafirma o seu compromiso coa dinamización do tecido empresarial e comercial do municipio e contátase o crecemento constante tanto industrial como comercial da vila.

Destes asuntos informou o alcalde do municipio Alejandro Lorenzo, apuntando que estes expedientes forman parte da dinámica habitual da Xunta de Goberno Local, onde en cada sesión se tramitan licenzas e autorizacións de interese para o desenvolvemento e o crecemento do municipio.

Comparte este artigo