A alcaldesa, María Ramallo Vázquez, cualificou o aniversario de «fito histórico para Marín» e reafirmou o compromiso do Concello cunha cita que achega a investigación á cidadanía. O Museo Municipal Manuel Torres acolle por primeira vez as xornadas, dedicadas este ano á cultura tradicional galega.
O Museo Municipal Manuel Torres acolleu esta tarde o acto inaugural das XXV Xornadas Blanco Freijeiro de Arte, Arqueoloxía e Historia. A apertura reuniu a persoas que contribuíron a sacar adiante a iniciativa desde os seus comezos, representantes da Corporación Municipal, membros da familia do arqueólogo e público que segue a cita ano tras ano.
O acto contou coas intervencións da concelleira de Patrimonio, Beatriz Rodríguez Gómez; do arqueólogo e coordinador das xornadas, Juan Castro; e de Gonzalo Blanco, sobriño de Antonio Blanco Freijeiro. A alcaldesa de Marín, María Ramallo Vázquez, pechou as intervencións.
Durante a inauguración proxectouse un vídeo conmemorativo dos 25 anos, no que participaron todas as concelleiras de Cultura que estiveron á fronte da xestión das xornadas e a Asociación Cultural Ronsel, unha das promotoras da iniciativa nos seus inicios.
A actuación musical correu a cargo de Xabier Blanco e Martina Ferradás, da Fundación Legar, dedicada á preservación da música de raíz. O alumnado do Obradoiro Dual de Emprego do Concello encargouse do convite.
Un cuarto de século achegando a investigación á cidadanía
Na súa intervención, Ramallo cualificou o aniversario de «fito histórico para Marín» e destacou a capacidade da vila para reunir, durante un cuarto de século, un público interesado en dedicar varias tardes á arqueoloxía, á historia e á arte. A alcaldesa reivindicou o valor de reservar tempo para escoitar, facer preguntas e conversar. «Coñecer o pasado dános máis recursos para imaxinar o futuro», sinalou.
A rexedora agradeceu o traballo das sucesivas corporacións e do tecido cultural de Marín e reafirmou o compromiso municipal coa continuidade das xornadas.
Destacou que a cita reúne persoas que investigan nestas disciplinas e veciñanza que se achega polo gusto de coñecer mellor a súa vila e a súa historia. Ramallo lembrou tamén que a edición en liña da pandemia permitiu chegar a novos públicos e subliñou o valor do encontro presencial, onde cada relatorio dá pé a preguntas e ao intercambio de impresións.
A alcaldesa lembrou o amplo apoio ao nomeamento de Antonio Blanco Freijeiro como fillo predilecto de Marín, aprobado por unanimidade, e destacou a pegada que deixou na vila. A través das xornadas que levan o seu nome, distintas xeracións de marinenses puideron achegarse por primeira vez á arqueoloxía, á historia e á arte.
Pola súa banda, Beatriz Rodríguez salientou que as xornadas forman xa parte do patrimonio inmaterial de Marín. A concelleira agradeceu o labor das persoas que mantiveron a cita activa durante 25 anos, mesmo na pandemia, e lembrou a variedade de temas tratados ao longo das edicións, desde a cultura castrexa e o Castro da Subidá ata a historia naval ou a intelixencia artificial.
Programación do 24 ao 28 de novembro
Baixo o lema «A cultura tradicional galega: entre historia e continuidade», desenvolveranse charlas e relatorios da man de ponentes dunha elevadísima calidade. Todas ás 20.00h no Museo.
● Martes 24. «Memorias dun amador da música popular sobre o cantigueiro galego». Antón Santamarina Fernández, catedrático emérito de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela e coautor do Cancioneiro popular galego, repasará como cambiou a transmisión das cantigas desde finais dos anos corenta do século pasado e como a música e a lírica populares atoparon novas formas de continuidade nas vilas e nas cidades.
● Mércores 25. «Galicia, un mundo de pedra». O arquitecto Pedro de Llano Cabado, autor de Arquitectura popular en Galicia e Premio Especial á Traxectoria Profesional nos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Xunta, analizará a relación entre a arquitectura popular e a paisaxe, a razón das súas solucións construtivas e o que podemos aprender delas hoxe.
● Xoves 26. «Continuidade e mudanzas na Galicia rural contemporánea (s. XIX-XX): fillos de moza, homes da maleta». José María Cardesín Díaz, catedrático de Historia dos Movementos Sociais da Universidade da Coruña, abordará as transformacións económicas e sociais do rural galego e a súa repercusión na cultura tradicional. Deterase no papel das migracións, primeiro cara a América e, máis adiante, cara a outros puntos de España e de Europa.
● Venres 27. «Dos avós aos netos: o tempo e o espazo en tempos da IA». O antropólogo e escritor Manuel Mandianes Castro, de longa traxectoria investigadora no CSIC, reflexionará sobre como as sociedades organizan o tempo e lle dan significado a través dos calendarios e das festas, e sobre como cambian as celebracións que marcan a vida colectiva. Ás 21.30 h, Beatriz Rodríguez Gómez presidirá a clausura e a entrega de diplomas de asistencia.
● Sábado 28 · Visita ao Museo Etnolóxico de Ribadavia. A saída está prevista ás 9.30 h desde a praza de España e o regreso a Marín, ás 13.30 h.
Os relatorios celébranse no Museo Municipal Manuel Torres, na avenida de Ourense, 3. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse no correo xornadas.blanco.freijeiro.marin@gmail.com.

