O Concello de Soutomaior activa unha campaña para mellorar a separación de residuos e reducir os custos do lixo

Redacción

Baixo o lema “Apostamos por un futuro consciente e sostible no que ti xogas moito”, o goberno local pide a implicación da cidadanía e grandes xeradores para reducir os custos de tratamento que paga a Sogama.

O Concello de Soutomaior, dentro da súa estratexia “Conscientes. Medra en verde”, pon en marcha unha campaña informativa dirixida a toda a cidadanía e grandes xeradores co obxectivo de mellorar os datos de separación de residuos e, deste xeito, reducir os custos do servizo. A iniciativa difúndese baixo o lema “Apostamos por un futuro consciente e sostible no que ti xogas moito”.

Un custo de tratamento ao alza

O Concello lembra que os servizos de recollida de lixo e limpeza viaria son un dos custos máis importantes que asume ano tras ano. Os custos do tratamento da fracción non reciclable que se envía a Sogama incrementáronse considerablemente nos últimos anos, cunha suba do 67%: de 73 euros por tonelada en 2023 a 122 euros por tonelada neste ano.

A nova lexislación sobre residuos obriga a separar todos os residuos en orixe e sanciona que o lixo se deposite sen separar. Ademais, o tratamento só se paga polo lixo que acaba no colector de “resto” (gris), mentres que o vidro, o plástico, o cartón ou a roupa non teñen custo cando se depositan separados.

Canto custa cada colector

O custo de tratamento por tonelada para cada colector (sen incluír outros custos, como os da recollida) é o seguinte: 

    Colector azul (papel e cartón): 0€

 Colector amarelo (envases, latas e briks): 0€

 Colector verde (envases de vidro): 0€

 Colector laranxa (aceite de cociña usado): 0€

 Colector téxtil (roupa e calzado): 0€

 Composteiro (materia orgánica): 0€

 Colector marrón (materia orgánica): 58€

 Colector gris (outros restos): 122€

Canto máis se utilicen a compostaxe e os colectores de reciclaxe, menos toneladas haberá no contedor de “resto” e máis se reducirá a factura que o Concello paga a Sogama, o que permitirá manter conxelado o recibo do lixo durante máis tempo.

Manu Lourenzo: “Cada quilo que separamos ben é un quilo menos que pagamos ao prezo máis elevado”. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destaca que a campaña pretende trasladar á veciñanza unha realidade que considera fundamental: a correcta separación dos residuos ten unha repercusión directa tanto ambiental como económica. “Separar os residuos é unha responsabilidade ambiental, pero tamén é unha decisión económica. Cada quilo que separamos correctamente é un quilo que non acaba no colector gris e, polo tanto, un quilo menos que temos que enviar ao tratamento máis caro”, explica o alcalde.

Incidencias e avisos por WhatsApp

Dentro das medidas para facilitar a comunicación coa veciñanza, o Concello lembra que as incidencias e avisos relacionados cos servizos municipais poden comunicarse a través de WhatsApp no teléfono 667 768 289, así como mediante o código QR incluído no díptico informativo da campaña.

Toda a información está dispoñible en www.conscientes.gal

“Apostamos por un futuro consciente e sostible no que ti xogas moito”.

Campaña cofinanciada pola Unión Europea (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Programa FEDER Galicia 2021-2027), coa participación da Xunta de Galicia e Xacobeo 2027.

Comparte este artigo