O Porriño formalizou a sua adhersion á residencia proxectada pola Xunta de Galicia

Redacción

● O rexedor porriñés, Alejandro Lorenzo, estivo presente no acto no que Alfonso Rueda confirmou a adhesión do 100% dos municipios seleccionados. O centro principal do Porriño contará con arredor de 115 prazas e vincularase ao centro satélite de Baiona.

O Concello do Porriño situarase na vangarda da atención á terceira idade na área de Vigo ao acoller unha das residencias de maior capacidade do novo plan de infraestruturas sociosanitarias da Xunta de Galicia. O municipio contará cun centro principal que disporá de arredor de 115 prazas, o cal funcionará de xeito coordinado cun centro satélite de menor tamaño localizado no concello de Baiona para optimizar os servizos e recursos da zona.
A formalización da adhesión do Porriño a este proxecto contou coa presenza do seu alcalde, Alejandro Lorenzo, no acto instituciona celebrado en San Cibrao das Viñasl encabezado polo presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, xunto á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García. Durante a xornada, Rueda avanzou que o 100% dos concellos seleccionados xa asinaron a súa incorporación a este plan aprobado polo Consello da Xunta.
Logo de coñecer os detalles do proxecto, Alejandro Lorenzo mostrouse ilusionado. “Queremos ter preto aos nosos maiores, son as nosas raices”, dixo.
Coa sinatura completada, as administracións locais dispoñen agora dun prazo dun ano para facer efectiva a cesión dos terreos públicos onde se edificarán os complexos. Pola súa banda, a Xunta asumirá a tramitación e desenvolvemento das obras mediante un modelo de colaboración público-privada que garante que, como mínimo, o 60% das máis de 1.800 novas prazas creadas en toda Galicia sexan de titularidade pública autonómica.
Criterios de selección e impacto socioeconómico
A selección do Porriño e dos outros 24 concellos galegos responde a parámetros obxectivos como ter unha poboación inferior aos 25.000 habitantes, unha elevada taxa de envellecemento e a falla de prazas residenciais públicas para persoas con grao II e III de dependencia.
A estrutura do proxecto divídese en 12 lotes territoriais deseñados para evitar os macrocentros e favorecer contornas familiares con módulos de convivencia duns 20 ou 30 residentes. Na provincia de Pontevedra impulsaranse un total de sete centros distribuídos en áreas clave como O Porriño-Baiona, Sanxenxo-Cambados, e Marín-Moraña.
Ademais da mellora asistencial, a chegada da residencia principal ao Porriño suporá unha importante dinamización económica e un impulso ao emprego local. A previsión global do proxecto é a creación de preto de 1.000 puestos de traballo directos e máis de 3.000 indirectos en sectores estratéxicos como a construción, a hostalaría e os servizos de mantemento.

Comparte este artigo