A Xunta aposta por facer do Camiño do Litoral unha experiencia cada vez máis visible, máis accesible e máis conectada cos viaxeiros e os concellos galegos

Redacción
  • A nova campaña de promoción entre os municipios litorais que forman parte do itinerario inclúe a distribución de carteis, materiais para as oficinas de turismo e recursos para entregar aos camiñantes, como cadernos de bitácora
  • Ángeles Vázquez indica que esta campaña traerá melloras na aplicación móbil e explica que o obxectivo é que o Camiño perdure na memoria de quen o percorre
  • Xosé Merelles salienta o potencial turístico do Camiño do Litoral nos obxectivos da Estratexia de Turismo de Galicia 2030 para distribuír a oferta nos máis de 1.300 km de litoral e 78 concellos polos que atravesa

A Xunta de Galicia continúa apostando polo Camiño do litoral facendo deste unha experiencia cada vez máis visible, máis accesible e máis conectada cos viaxeiros que o percorren e cos concellos costeiros galegos.

Así o explicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañada do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e do delegado da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, durante a presentación da campaña de promoción turística destinada aos 78 municipios que forman parte do itinerario desta ruta costeira de 52 etapas e 1.373 quilómetros, para dar a coñecer o Camiño e facilitar que máis se animen a percorrelo.

Así, cada localidade recibirá carteis promocionais con códigos QR para acceder directamente á aplicación móbil do Camiño, materiais para os mostradores de atención ao visitante das oficinas de turismo e tamén recursos para entregar aos peregrinos e camiñantes, tales como cadernos de bitácora, nos que os viaxeiros poderán facer anotacións de cada etapa, e doutros detalles como lapis e chaveiros.

Tal e como sinalou Ángeles Vázquez, estes obxectos teñen un obxectivo moi claro, o de facer que a experiencia do Camiño do Litoral perdure na memoria de quen o percorre e non remate cando se chega á última etapa. Ademais, a representante autonómica indicou que con esta campaña tamén se acometerá unha mellora da aplicación móbil, que integrará información da Axencia de Turismo de Galicia para incrementar a información sobre os recursos turísticos dispoñibles de cada etapa.

Neste senso, a Conselleira destacou que o pretende o Goberno galego é que a tecnoloxía se converta nunha ferramenta útil para quen camiña, que permita planificar mellor as etapas, coñecer os recursos que existen ao longo do percorrido e descubrir todo o que ofrece cada territorio.

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou o potencial turístico do Camiño do litoral que se enmarca, indicou, nos obxectivos da Estratexia de Turismo de Galicia 2030 ao distribuír a oferta nos máis de 1.300 quilómetros de litoral e 78 concellos polos que atravesa. Ademais, como sinalou, con este itinerario “potenciamos un tipo de turismo, o costeiro e de natureza, no que estamos traballando desde hai  anos desde a Xunta de Galicia axudando a adaptar as infraestruturas dos establecementos do litoral, mellorando os portos deportivos, entre outros”.

Puxo de manifesto que esta nova campaña de promoción reflicte a colaboración entre os distintos departamentos implicados na súa posta en marcha coa intención de “ordenar, protexer, e poñer en valor o noso litoral facéndoo accesible de xeito sostible tanto para a cidadanía como para quen nos visita ” e recordou que Turismo de Galicia colaborou coa Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no deseño e desenvolvemento da sinalización do Camiño do Litoral.

Nesta liña, Ángeles Vázquez aproveitou para lembrar que o Camiño do Litoral é un patrimonio de todos, dos 78 concellos polos que pasa, das persoas que viven neles, dos peregrinos, dos camiñantes e dos visitantes que cada ano escollen Galicia para coñecer a nosa costa. Así mesmo, tal e como indicou, é tamén unha responsabilidade compartida na que seguir traballando cos municipios e co sector turístico para facer desta experiencia un itinerario accesible, sostible e coñecido.

Comparte este artigo