- Nesta XIX edición participaron dez formacións galegas e sete portuguesas con actuacións que incluíron a sección infantil e xuvenil
- Destaca “a presenza das novas xeracións nas agrupacións, unha riqueza para a nosa cultura que goza de boa saúde entre a xuventude”
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra á clausura do XIX Certame Galego de Bandas de Música, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares co apoio da Xunta de Galicia, onde celebrou “o gran talento bandístico que temos en Galicia, unha riqueza para a nosa cultura que goza dunha boa saúde entre a xuventude”.
O representante do Goberno galego destacou así a presenza durante a fin de semana de 17 formacións, dez galegas e sete portuguesas, e arredor de 1.000 músicos, con actuacións distribuídas en cinco seccións: infantil, xuvenil, terceira, segunda e primeira. Neste senso, fixo fincapé “na presenza das novas xeracións nas agrupacións e do seu importante papel na formación musical”.
No acto, López Campos, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, fixo entrega dos premios e diplomas e asistiu ao peche coa actuación de Minho Reed Quintet, encargado de interpretar o himno galego.

