- O líder do PP de Pontevedra quere rachar coa idea de que hai dúas pontevedras “a que sae nos premios e a que queda fóra das fotos”
- Dominguez asegura que a falta de servizos, de comunicacións e de atención fai que a poboación do rural viva “illada” dentro do seu propio concello
O líder do Partido Popular en Pontevedra, Rafa Domínguez, xunto co concelleiro do rural, Martín Martínez, amosaron hoxe a súa preocupación sobre o maltrato ao que o Goberno de Lores ten sometido ao rural do concello de Pontevedra. O portavoz do PP de Pontevedra leva os últimos anos visitando as parroquias do rural pontevedrés con frecuencia e de xeito máis intensivo nestes últimos meses sendo a tónica predominante entre as queixas veciñais de todas as aldeas a falta de coidado e de limpeza. “A min non me teñen que contar o que sucede nas parroquias porque eu mesmo vou a velo, cos veciños, que son os que coñecen as situacións de primeira man”, asegura.
Para Domínguez, Lores leva 27 anos “centrado na cidade de Pontevedra, mentres as parroquias do rural sufren un abandono constante” que se materializa nunha recollida de lixo insuficiente, con contedores en moitos casos en moi mal estado, e acumulacións fóra dos contedores durante días sen que ninguén actúe para solucionalo. A falta de desbroce e tamén a falta de recollida dos restos tralos desbroces están a xerar graves problemas nas cunetas, algo “inaudito” que amosa a deixadez á que se somete ao rural de Pontevedra.
A falta de transporte público que conecte o rural co centro da cidade, o deficiente funcionamento do “coche de punto” e a falta de prazas de aparcamento fan que a poboación do rural pontevedrés se sinta “illada” dentro do seu propio concello, explica Domínguez. Un problema que se agrava co mal estado das estradas municipais ao longo e ancho de todo o municipio porque, segundo apunta o líder do PP de Pontevedra, o plan de asfaltado invirte millóns no centro, “pero esquécese unha vez máis do rural, que ve como as súas vías de comunicación seguen cheas de baches e buratos aos que non se lles da solución”.
A falta de iluminación é para o portavoz dos populares de Pontevedra outro dos problemas que se están a sufrir nas parroquias do rural, un problema que se ve agravado durante o inverno con farolas que iluminan mal, que están fundidas durante semanas pese aos avisos dos veciños afectados e incluso que xa non funcionan e que permanecen abandonadas sen ser retiradas ao longo das vías de comunicación.
Por outra banda, Domínguez explica que se os parques infantís se atopan en mal estado no centro da cidade, a situación é deplorable nos que se ubican nas parroquias. “Ou están en mal estado ou, directamente, non hai”. Con este panorama resulta complicado que a xente moza queira instalarse no rural pontevedrés, pero o Goberno de Lores vai máis alá e impide de xeito fulminante a posibilidade de que novas familias queiran construir unha vida no rural pontevedrés “prohibindo a construcción en parecelas de xeito ordenado e organizado. O Plan Xeral está anticuado” e non amosa interés por actualizalo e permitir a creación de novos centros de centralidade.
Para Domíguez, estase condenando ao rural “ao envellecemento da súa poboación, a que non haxa alumnado nos colexios do rural e a que as parroquias perdan vida”, recalca o portavoz do Partido Popular. Domínguez asegura que se está “sangrando ao rural con impostos sen ofrecerlle servizos de calidade”, de maneira que á hora de pagar os veciños do rural “son iguais que os demais, pero á hora de recibir os servizos están a ser absolutamente discriminados” polo Concello de Pontevedra.
Os veciños do rural de Pontevedra “non piden nada doutro mundo. Piden o básico que pode pedir calquera pontevedrés. Pero xa vemos que para Lores os veciños das parroquias son de segunda e por iso os ten marxinados”, indica Domínguez, que considera que Lores non cumpre cos seus compromisos co rural e amosa un total pasotismo coas aldeas. Domínguez ten claro que cando acade a Alcaldía en maio de 2027, vai ser “o alcalde de todos, do centro e das parroquias” e rachar coa idea de que hai dúas pontevedras “a que sae nos premios e a que queda fóra das fotos”.

