A deputada Rosana Pérez solicita no Parlamento que as traballadoras que sufran insultos, humillacións ou acoso conten con mecanismos de protección e resposta
O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar á Xunta que actúe e habilite protocolos de protección para as mulleres do mar ante as recentes vexacións do patrón maior de Raxó. A deputada Rosana Pérez fíxose eco da situación e solicitou no Parlamento que as traballadoras que sufran insultos, humillacións ou acoso poidan contar con mecanismos de protección e resposta claros, tendo en conta a obriga de tutela do goberno galego no referido ás confrarías.
A deputada do BNG Rosana Pérez Fernández compareceu hoxe na Cámara para formular unha pregunta para resposta oral en Pleno, polo trámite de urxencia, na que pediu á Xunta que explique que actuacións vai emprender trala polémica xurdida polas palabras do patrón maior, quen tamén ocupa a vicepresidencia segunda da Federación Galega de Confrarías.
O BNG entende que o sucedido en Poio debe servir para abordar a situación das mulleres que traballan no sector do mar e garantir que conten con protección cando sufran insultos, vexacións, humillacións ou calquera outro comportamento ofensivo no seu ámbito profesional. “Ningunha mariscadora nin ningunha traballadora do mar pode quedar desprotexida cando sofre unha situación destas características. Ten que saber a quen acudir, que procedemento se vai activar e que garantías ten de que vai ser escoitada e protexida”, sinala a formación nacionalista.
Neste sentido, o BNG considera necesario que a Xunta impulse protocolos específicos de actuación nas confrarías e no conxunto do sector, con canles seguras para presentar denuncias, garantías de confidencialidade, medidas de protección das afectadas e procedementos claros para investigar os feitos e esixir responsabilidades. Segundo subliña o Bloque, a protección das traballadoras non pode depender da súa capacidade individual para enfrontarse a quen as vexa ou as insulta, especialmente cando esa persoa ocupa un posto de poder ou representación dentro da propia organización.
A formación nacionalista lembra que a normativa vixente establece que as confrarías están suxeitas á tutela da administración pública galega a través da Consellaría de Pesca. Por tanto, considera que a Xunta non pode limitarse a observar o que sucede nin desentenderse cando están en cuestión os comportamentos de persoas que ocupan cargos de representación.
A iniciativa parlamentaria do Bloque lembra tamén que a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galiza, prohibe toda discriminación directa ou indirecta por razón de sexo. Para o BNG, este principio debe traducirse en medidas efectivas que garantan que as mulleres poidan desenvolver o seu traballo no mar sen ter que soportar insultos, intimidacións ou tratos denigrantes.

