A Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais e a Asociación Escola de Tempo Libre Don Bosco veñen de asinar un convenio para facilitar que as persoas inmigrantes conten cun recurso de acollida temporal en Santiago, coa colaboración da Rede Veciñal de Apoio ás Persoas Migrantes. Trátase, tal e como explicou a concelleira María Rozas, “de procurar solucións para un colectivo que sofre aínda con máis forza o impacto da grave crise social que sufrimos no que ten que ver co acceso á vivenda”. O convenio conta cunha achega municipal de 30.000 euros, tal e como se recolleu nos orzamentos deste ano.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, deu conta hoxe da sinatura do convenio acompañada por Xesús María Vilas, en representación da Escola de Tempo Libre Don Bosco, e de Isabel Varela e Javier Arregui, da Rede Veciñal de Apoio ás Persoas Migrantes. A tenenta de alcaldesa explicou que “nestes momentos nos que a crise da vivenda está no centro de todos os discursos, é evidente que a situación é especialmente sensible para colectivos como o das persoas migrantes que se enfrontan a maiores dificultades para acceder a unha casa”. María Rozas explicou que “non se trata só de cuestións económicas ou da pouca oferta de vivenda, senón tamén de dificultades derivadas dos prexuízos e dun racismo inmobiliario que existe e que se ven denunciando desde entidades como o Foro Galego da Inmigración”.
Nesa realidade afondaron Isabel Varela e Javier Arregui, que recoñeceron que “existe un importante problema de racismo do que só se toma consciencia cando se acompaña nos seus procesos ás persoas inmigrantes”. Os representantes da Rede Veciñal de Apoio ás Persoas Migrantes recoñeceron que a posta en macha deste recurso habitacional “é un alivio moi grande para as persoas inmigrantes, que evitan quedar en situación de rúa mentres procuran un traballo ou unha vivenda”.
O recurso de acollida temporal para persoas inmigrantes en situación de emerxencia habitacional xestiónase en colaboración coa Rede Veciñal de Apoio ás Persoas Migrantes nunha vivenda en réxime de alugueiro. O obxectivo é garantirlles ás persoas destinatarias un espazo seguro e digno durante un período limitado de tempo, facilitando a súa reorganización persoal, laboral ou administrativa. Así, facilitaráse unha alternativa habitacional e apoiaranse procesos de autonomía e integración social, previndo situacións de rúa e exclusión. Tal e como explicou Isabel Varela, no piso garántense estancias medias de 15 días, que se poden prorrogar de ser necesario. Teñen prioridade de acceso as persoas que están en situación administrativa irregular e aquelas que presentan problemas de saúde. Desde que entrou en funcionamento, en xuño, a maioría das persoas usuarias proceden de Mali, pero tamén foron acollidas persoas de Mauritania, Senegal, Gambia e Arxelia.
Apoio escolar, espazo lúdico e conciliación
O recurso de acollida temporal para persoas inmigrantes é unha das catro liñas de actuación do proxecto “Un lugar para ti”, unha proposta integral de intervención socioeducativa dirixida a nenos, nenas e adolescentes e a persoas migrantes en situación de vulnerabilidade social. Ademais desa alternativa habitacional, manteranse as actividades que xa se viñan desenvolvendo en colaboración con Don Bosco relacionadas con apoio escolar, oferta dun espazo lúdico, e actividades de conciliación nos periodos de vacacións escolares para menores de 4 a 17 anos.

