Numerosas entidades do municipio participaron no encontro organizado polo Concello de Fene e a Deputación da Coruña para dar a coñecer as diferentes liñas de axudas e resolver dúbidas sobre a súa tramitación
As deputadas Sol Agra, Natividade González e Cristina García explicaron as convocatorias e atenderon directamente as consultas do tecido asociativo
A xornada informativa sobre as liñas de subvención da Deputación da Coruña para entidades de cara a 2027, organizada conxuntamente polo Concello de Fene e a institución provincial, contou cunha elevada participación do tecido asociativo municipal.
O encontro reuniu representantes de numerosas entidades de ámbitos moi diversos, entre eles o cultural, deportivo, medioambiental ou da música tradicional, que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as diferentes posibilidades de financiamento provincial e, especialmente, de formular consultas concretas relacionadas coas convocatorias e coa súa tramitación.
Na xornada participaron as deputadas provinciais Sol Agra, responsable da área de Igualdade; Natividade González, responsable de Cultura; e Cristina García, responsable de Plans Provinciais, que explicaron as principais características das diferentes liñas de subvención e atenderon as preguntas formuladas polas asociacións asistentes.
A sesión tivo un marcado carácter práctico, dedicándose unha parte importante do encontro a resolver dúbidas e aclarar cuestións relacionadas co acceso ás axudas, os procedementos administrativos e as diferentes convocatorias. As entidades participantes valoraron positivamente a posibilidade de trasladar directamente as súas consultas e obter información para preparar con maior seguridade as futuras solicitudes.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, agradeceu a participación das entidades e a presenza das representantes da Deputación da Coruña. “O obxectivo desta xornada era fundamentalmente informativo, facilitando que as asociacións poidan coñecer as convocatorias, entender os procedementos e resolver directamente as dúbidas que lles xorden á hora de solicitar unha subvención”, explicou.
Permuy destacou especialmente a diversidade das asociacións asistentes. “En Fene temos entidades que desenvolven actividades en ámbitos moi diferentes e, polo tanto, tamén teñen necesidades e consultas distintas. Poder reunir nun mesmo encontro información sobre varias áreas e dispoñer dun espazo para formular preguntas concretas resultou moi útil para elas”, sinalou.
A alcaldesa incidiu tamén na importancia de facilitar o acceso á información pública en condicións de igualdade. “As administracións debemos procurar que as convocatorias e os procedementos sexan coñecidos e comprensibles para todas as entidades potencialmente interesadas. Xornadas coma esta permiten achegar esa información e aclarar cuestións prácticas que ás veces poden dificultar a presentación das solicitudes”, afirmou.
A elevada asistencia e o número de consultas formuladas ao longo da sesión puxeron de manifesto o interese existente entre o tecido asociativo por este tipo de encontros informativos, especialmente ante a preparación das convocatorias correspondentes ao próximo exercicio.
O Concello de Fene agradece tanto a participación das asociacións como a colaboración da Deputación da Coruña e das deputadas presentes nunha xornada concibida para facilitar ás entidades o coñecemento das diferentes vías de apoio público ás que poden optar en 2027.

