Menor e Santiago Ferrer analizan as vías de colaboración entre a Deputación e a Fundación Aquae Querquennae Vía Nova

Redacción
Reunión Luis Menor Pérez (Presidente da Deputación Ourense) con Santiago Ferrer Serrano (Presidente da Fundación Aquae Querquennae Via Nova, acompañados de Sandra Quintas Vázquez (Alcaldesa de Bande).

O encontro abordou o apoio a novas escavacións e ao financiamento das actividades e do funcionamento da fundación radicada en Portoquintela (Bande)

O presidente provincial destacou o valor do xacemento para o coñecemento do pasado romano de Ourense e como recurso turístico da zona

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo unha reunión con Santiago Ferrer, novo responsable da Fundación Aquae Querquennae Vía Nova, para revisar as liñas de colaboración que a institución provincial mantén coa entidade radicada en Portoquintela (Bande) e estudar as posibilidades de continuidade deste apoio.

Durante o encontro, no que tamén participou a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, analizáronse diferentes ámbitos de cooperación, entre eles a colaboración en novas escavacións arqueolóxicas e as axudas destinadas ao financiamento da Fundación, tanto para a organización de actividades como para os seus gastos de funcionamento.

Luis Menor destacou a importancia do xacemento para a provincia, ao constituír un espazo de referencia para coñecer e divulgar a súa historia e o seu pasado romano, así como un recurso de interese turístico para a zona. O presidente provincial referiuse tamén ao traballo desenvolvido durante os últimos anos ata chegar á situación actual do conxunto arqueolóxico e ao papel da Fundación na súa actividade cultural e turística. “O compromiso segue sendo total e estudaremos a posibilidade de incrementalo dentro das nosas posibilidades”, sinalou Luis Menor, quen cualificou o labor da entidade como “absolutamente capital no ámbito cultural e turístico para a provincia de Ourense”.

Comparte este artigo