A alcaldesa formalizou os acordos correspondentes a 2026 con representantes do tecido asociativo local
As achegas contribúen ao desenvolvemento de actividades culturais e festivas, programas educativos, iniciativas deportivas e acción de dinamización económica
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e representantes de diferentes entidades culturais, deportivas, educativas e de promoción económica do municipio asinaron onte os convenios correspondentes ás subvencións nominativas do Concello de Fene para o ano 2026.
Os convenios contemplan achegas municipais destinadas a colaborar no financiamento de actividades e programas desenvolvidos ao longo deste ano polo tecido asociativo local. As contías previstas ascenden a 40.500 euros para entidades culturais, 17.500 euros para ANPAS e iniciativas vinculadas ao ensino, 5.000 euros para entidades deportivas e 29.700 euros para entidades de promoción económica.
A alcaldesa, Sandra Permuy, explicou que a sinatura dos convenios “permite formalizar as achegas previstas para actividades concretas desenvolvidas polas entidades ao longo deste exercicio e establecer con claridade as condicións da colaboración municipal”.
Permuy agradeceu tamén “o traballo que realizan durante todo o ano as asociacións e colectivos do municipio nos seus respectivos ámbitos”, destacando a diversidade das iniciativas incluídas nos convenios, “desde actividades culturais e festas tradicionais ata servizos vinculados ao ensino, iniciativas deportivas ou programas de dinamización económica”.
Cultura e tradición
Entre as actividades culturais e festivas incluídas nas subvencións nominativas atópanse a Festa do Poldro, organizada pola AVV San Xurxo de Magalofes, cunha achega de 1.400 euros; a Festa da Orella, da AVV Santa Eulalia de Limodre, con 1.400 euros; o Premio Pérez Parallé, promovido polo CMI Unidade, con 4.000 euros; e a Xuntanza de Gaiteiros, da Banda de Gaitas Airiños de Fene, con 4.500 euros.
Tamén se inclúen a Festa da Ameixa e a Romaría do Pote, organizadas pola ACRD O Pote de Maniños, con achegas de 1.400 e 3.000 euros, respectivamente; a Festa do Langostino, do CPS de San Valentín, con 1.400 euros; e a Romaría do Camiñante, da ACRD Liga de Amigos de Barallobre, tamén con 1.400 euros.
Con anterioridade formalizáronse os convenios coa AC Felicia, para a celebración do Felicia Pop Festival, e con Centolos AC, para o Fene Rock, cunha achega municipal de 11.000 euros para cada entidade. Tamén foi asinado o convenio coa Asociación Perla Mural Fest, dotado con 8.000 euros para o desenvolvemento do Perla Mural Fest.
Ensino, deporte e dinamización económica
No ámbito educativo, as subvencións nominativas inclúen 10.500 euros para a ANPA Os Casais, 3.000 euros para a ANPA Centieiras e outros 3.000 euros para a ANPA O Ramo, destinados aos respectivos servizos de comedor escolar. O IES de Fene recibe, pola súa banda, unha achega de 1.000 euros para o proxecto Hiperbaric.
En materia deportiva, o convenio coa Escudería Scratch Fene contempla unha subvención de 5.000 euros para a organización do Slalom.
Entre as iniciativas de promoción económica figuran tamén o programa Merca en Fene, da Asociación O Cruceiro, cunha achega de 10.000 euros; Lavandeiras de Sillobre, da SCRD Agarimo de Sillobre, con 3.200 euros; e a Festa do Queixo, organizada pola mesma entidade, con 500 euros. A Confraría Santiago Apóstolo de Barallobre conta ademais cunha achega de 8.000 euros para o seu programa de actividades.
Sandra Permuy sinalou que “detrás de cada convenio hai unha actividade concreta e unha entidade que asume o traballo da súa organización e desenvolvemento”. Neste sentido, incidiu en que “a finalidade destas subvencións é establecer un marco de colaboración para contribuír ao financiamento de iniciativas que se desenvolven no municipio e que abranguen ámbitos moi diferentes”.
A alcaldesa destacou finalmente que a formalización dos convenios permite ás entidades contar coa correspondente cobertura administrativa para as achegas consignadas no orzamento municipal e continuar coa tramitación e xustificación das subvencións conforme ás condicións establecidas en cada acordo.

