O concello de Nigrán conmemora no “Xardín da Memoria” de Panxón o 90 aniversario de “A volta dos nove”

Redacción

O acto contou coa presenza de achegados das familias dos represariados

O Concello de Nigrán conmemorou un ano máis, como cada 16 de outubro, o 90 aniversario dos tráxicos asasinatos coñecidos como ‘A volta dos nove’. Familiares dos represariados e concelleiros realizaron unha ofrenda floral e gardaron un minuto de silencio ante o monumento do ‘Xardín da Memoria’ de Panxón, espazo inaugurado no 2016 e que consta dunha escultura en pedra con 9 cruces referidas aos asasinados e tamén sendas placas que recollen os seus nomes e os das súas mulleres xunto a Dolores Samuelle, asasinada por axudar aos ‘Ineses’.

 O suceso tivo lugar na noite do 15 ao 16 de outubro de 1936, cando se executaron a nove veciños do Val Miñor (cinco deles de Panxón) como vinganza e represión dos falanxistas polo acontecido o día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes, a súa asistenta Dolores Samuelle e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños do Val Miñor detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e como vinganza, os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baiona. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaron con esmero aos autores, estas sempre volveron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquelo que sucedeu.

Comparte este artigo