- Paula Uría salienta que o traspaso a Galicia dos medios, funcións e servizos nese eido supuxo un antes e un despois para o litoral galego e un avance na consolidación dun modelo de xestión máis sinxelo, homoxéneo e accesible
- Reforzouse o acompañamento á cidadanía, aos concellos e ao tecido produtivo mediante a creación do portal Galicia litoral, dunha canle específica de información no 012, así como a publicación de guías e a organización de xornadas formativas
- Outra das iniciativas novidosas postas en marcha é o Camiño do Litoral, que ten o obxectivo de preservar e dinamizar a costa galega, ademais de sumar un novo atractivo turístico á comunidade
A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, reivindicou hoxe o modelo galego como referente na xestión do litoral e púxoo como exemplo a seguir polas demais comunidades costeiras.
Durante a súa intervención na mesa redonda Os novos traspasos competenciais en materia de litoral: experiencia e negociación, que se celebrou nas Palmas no marco do I Congreso de Costas Canarias, a directora xeral salientou que o traspaso a Galicia dos medios, funcións e servizos nese eido supuxo “un antes e un despois” para o litoral galego.
Paula Uría explicou que desde xullo de 2025 avanzouse na consolidación dun modelo de xestión máis sinxelo, homoxéneo e accesible. En concreto, puxo como exemplo iniciativas como a habilitación dunha solicitude electrónica única para as autorizacións e concesións fronte á dispersión anterior de formularios e procedementos, ou a unificación dos criterios técnicos, dos prazos, das taxas e das condicións aplicables nas tres provincias costeiras galegas.
Seguindo esa liña de apostar pola transparencia e a simplificación administrativa, na actualidade está a ultimar o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT), que converterá a información sobre títulos de ocupación nunha ferramenta estratéxica neste eido.
Así mesmo, a Xunta tamén reforzou o acompañamento á cidadanía, aos concellos e ao tecido produtivo mediante a creación do portal Galicia litoral, dunha canle específica de información no 012, así como a publicación de guías con criterios uniformes e a organización de xornadas formativas, especialmente para os servizos de tempada.
Así, en menos de 15 meses, Galicia tramitou xa 2.749 actuacións en materia de litoral. En concreto, na zona de servidume de protección tramitáronse 1.247 actuacións, entre autorizacións e declaracións responsables. En canto ao dominio público marítimo-terrestre, tramitáronse 939 actuacións. Ademais, emitíronse 563 informes que habilitan actuacións no litoral, tanto en DPMT como en ZSP
A maiores, a directora xeral fixo fincapé noutras iniciativas postas en marcha para garantir a preservación do patrimonio costeiro e a súa posta en valor como o Catálogo de bens de valor cultural no litoral de Galicia, que busca facilitar unha segunda vida a aqueles inmobles en desuso. De feito, vén de autorizarse o primeiro cambio de uso dun deses bens coa concesión que permitirá converter o muíño de mareas de Cereixo, en Vimianzo, nun museo etnográfico.
Outra das iniciativas postas en marcha pola Xunta é o Camiño do Litoral, que ten o obxectivo de preservar e dinamizar a costa galega, ademais de sumar un novo atractivo turístico á comunidade. Esta ruta, desde Ribadeo ata A Guarda, pode percorrerse a pé ou en bicicleta. Son case 1.400 quilómetros de trazado, divididos en 52 etapas, a través de 78 concellos. Tamén conta cunha aplicación móbil onde hai dispoñible información das etapas, dos establecementos turísticos ou dos elementos de interese cultural que hai na contorna.
Ademais, esta semana presentouse unha campaña de promoción turística para dar a coñecer este Camiño do Litoral. Así, cada localidade recibirá carteis promocionais con códigos QR para acceder directamente á aplicación móbil do Camiño, materiais para os mostradores de atención ao visitante das oficinas de turismo e tamén recursos para entregar aos peregrinos e camiñantes, tales como cadernos de bitácora, nos que os viaxeiros poderán facer anotacións de cada etapa, e doutros detalles como lapis e chaveiros.

