- Insta o alcalde, Gonzalo Louzao, a posicionarse xa contra o proxecto e a sumarse ao rexeitamento social existente
- O BNG pon a disposición da cidadanía un modelo de alegación que pode descargar da súa páxina web
O BNG presentou unha alegación ante a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galiza contra o proxecto de estación de servizo que a empresa Urban Strada S.L. pretende instalar na Avda. Benito Vigo / Avda. da Torre. A organización nacionalista pide que se desestime a solicitude de Declaración de Incidencia Ambiental do proxecto.
O candidato do BNG á alcaldía da Estrada, Marcos Borrageros, explicou que “esta gasolineira non ten cabida nese lugar. Estamos a falar dunha instalación que quedaría a só 32 metros dunha escola infantil e a 20 metros de vivendas, nunha zona residencial onde nin sequera o planeamento urbanístico permite este uso. Non imos permitir que se poña en risco a saúde dos nenos e das nenas da Estrada”.
Un uso incompatible co PXOM
Na alegación, o BNG sinala que, segundo a propia Memoria Ambiental do proxecto, o solo está cualificado baixo a Ordenanza nº 2 (edificación en bloque aberto), que non contempla as estacións de servizo como uso permitido. Tampouco, engade, a presenza dunha cafetaría e dun comercio nas inmediacións converte a zona nun centro comercial ou nunha área industrial que xustifique aplicar a liberalización do Real decreto-lei 6/2000.
Incumprimento do decreto sobre centros infantís e risco para a saúde
O BNG denuncia que a localización vulnera o artigo 20.1 do Decreto 329/2005, que regula os centros de atención á infancia e esixe que estes se sitúen en lugares illados de actividades molestas, insalubres, nocivas ou perigosas, respectando as distancias de seguridade necesarias respecto de instalacións como as estacións de servizo.
A alegación apóiase tamén na literatura científica. Cita un estudo de Malavolti et al. (2023), publicado no European Journal of Epidemiology, que asocia a residencia a menos de 50 metros dunha gasolineira cun maior risco de leucemia infantil. Menciona ademais unha meta-análise que sitúa ese incremento de risco nun RR combinado de 1,66, estatisticamente significativo. Neste sentido, o BNG lembra que a instalación suporía unha fonte continua de emisión de benceno e compostos orgánicos volátiles a só 32 metros dunha escola infantil, e invoca o principio de precaución.
Funcionamento desatendido 24 horas e ruído
O BNG advirte tamén de que o proxecto contempla un funcionamento desatendido as 24 horas do día, os 365 días do ano. Iso, di, agrava os riscos de derrames, incendio ou explosión a poucos metros de vivendas e da escola, así como de mal uso das instalacións en horario nocturno. A isto súmase o ruído do tráfico constante, dos surtidores, dos compresores e das descargas de camións cisterna, que afectaría gravemente ao descanso da veciñanza e incumpriría os límites de emisión nocturna fixados polo Decreto 106/2015 e o Real decreto 1367/2007.
Modelo de alegación para a veciñanza
Para facilitar que calquera persoa poida presentar alegacións, o BNG da Estrada pon á disposición da veciñanza un modelo descargable na súa páxina web: https://bngdaestrada.wordpress.com/
Concentración o mércores 21 de outubro
Ademais, o BNG da Estrada convoca unha concentración para rexeitar a instalación da estación de servizo. Será o mércores 21 de outubro, ás 20 horas, diante da Tesourería da Seguridade Social, na Avda. Benito Vigo.
Chamamento ao alcalde
Finalmente, o BNG insta o alcalde, Gonzalo Louzao, a posicionarse xa contra a estación de servizo e a sumarse así ao rexeitamento social existente. “O alcalde ten que deixar de mirar para outro lado e dicir claramente se está coa veciñanza ou co proxecto”, concluíu Borrageros.

