O concello de Nigrán ofrece un curso gratuíto de introdución á lingua e cultura galegas para maiores 16 anos

Redacción

Terá lugar do 2 ao 6 de novembro de 9:30 a 13:30 horas no Centro Antena de Nigrán e o prazo de inscrición abre este luns 19 de outubro

O Concello de Nigrán ofrecerá a través da Secretaría Xeral da Lingua un curso gratuíto de introdución á lingua e a cultura galegas para maiores de 16 anos nun nivel inicial. Este terá lugar do 2 ao 6 de novembro de 9:30 a 13:30 horas no Centro Antena de Nigrán e o prazo de inscrición abre este luns 19 de outubro na Oficina de Información Cidadá do Concello. Ao finalizar o curso entregarase un diploma correspondente ás 20 horas da formación. Non se requiren coñecementos previos de galego para participar neste curso.

O curso está enfocado aos novos galegos e galegas provenientes do exterior, tendo un dobre obxectivo: fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectiva das persoas participantes, dado que aprender o idioma do país de acollida é esencial para integrarse con éxito, así como aproveitar o enorme potencial que supón a chegada de persoas de fóra de Galicia como un xeito de incrementar o número de falantes da nosa lingua.

O contido do curso inclúe nocións básicas de lingua galega xunto con outras de carácter cultural. Na parte de gramática haberá unha introdución á fonética do galego, xunto coas distintas clases de palabras (artigos, pronomes persoais substantivos, adxectivos, verbos, adverbios, preposicións, conxuncións etc.), ortografía básica (uso de distintas grafías, regras de acentuación etc.) e outros recursos de utilidade para a comunicación na vida cotiá. Inclúense, así mesmo, contidos relacionados coa cultura e a historia de Galicia (gastronomía, tradicións, festas, música etc.).

Comparte este artigo