Regresa a noite máis esperada: Arbo acollerá unha nova edición da súa gran velada de boxeo tras o éxito rotundo de 2025

Redacción

· O evento celebrarase o sábado 24 de outubro ás 20:00 horas no Pavillón Municipal.

· Organizada polo Club Deportivo SAGABOX en colaboración co Concello de Arbo, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, a cita busca consolidar o talento local tras esgotar todas as entradas na súa edición anterior.

· O combate estrela da noite estará protagonizado polo boxeador arbense Dani Castro.

ARBO, 7 de outubro de 2026. — O Concello de Arbo prepárase para acoller unha das citas máis destacadas do calendario deportivo do municipio: a gran Velada de Boxeo, que regresa este ano coa ambición de revalidar o éxito colleitado na edición de 2025, na que se esgotaron todas as localidades.

A xornada, que dará comezo ás 20:00 horas no Pavillón Municipal, ofrecerá un cartel composto por máis de cinco combates de boxeo deseñados para deleitar á afección cun espectáculo de alta calidade técnica e competitiva.

O principal atractivo da noite será a participación do ídolo local, o boxeador Dani Castro, figura clave na promoción desta disciplina no municipio e encargado de disputar o combate estrela do evento.

Organizada polo Club Deportivo SAGABOX de Vigo, co firme respaldo institucional do Concello de Arbo, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, a velada pretende darlle un impulso definitivo ao auxe que este deporte vén experimentando na comarca.

O propio Dani Castro destacou a relevancia da velada para a comunidade: “O boxeo en Arbo experimentou un crecemento notable e o meu obxectivo é seguir motivando aos mozos a manterse activos e confiar nas súas capacidades. Este evento representa un paso fundamental para a consolidación da nosa disciplina. Invitamos a todos os veciños e afeccionados a ser parte duns noite chea de intensidade e paixón deportiva”.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, subliñou o impacto social e formativo que estas iniciativas teñen na localidade, pondo en valor “a importancia de eventos deste calibre para fortalecer a identidade deportiva de Arbo e transmitir principios como a disciplina, o esforzo e o respecto”.

O rexedor quixo manifestar así mesmo o seu agradecemento público á figura de Dani Castro pola labor de promoción deportiva que vén desenvolvendo, engadindo que “a resposta do público e o respaldo da afección son imprescindibles para que os nosos deportistas sigan crecendo e acadando as súas metas”.

As elevadas expectativas auguran unha xornada memorable no Pavillón Municipal. O Concello de Arbo fai un chamamento a veciños e afeccionados de toda a comarca para encher as bancadas e arroupar aos competidores noutra noite chamada a marcar un fito na historia deportiva do municipio.

Comparte este artigo