Os traballos buscan mellorar o estado do firme e reforzar a seguridade viaria nunha actuación financiada ao abeiro das axudas para actuacións en camiños rurais 2026-2027 da Consellería do Medio Rural.
O Concello de Soutomaior impulsa a mellora e aslfaltado do camiño de Muradella, na parroquia de Comboa, co obxectivo de renovar o firme e mellorar as condicións de seguridade viaria desta vía de titularidade municipal.
A actuación parte do mal estado que presenta actualmente o camiño e contempla a execución dos traballos necesarios para acondicionar a superficie de rodadura e mellorar a circulación. O proxecto non modifica o trazado nin a rasante existentes, polo que a intervención se centra na mellora e repavimentación da infraestrutura actual.
O ámbito de actuación abrangue o camiño de Muradella, unha vía que discorre entre vivendas unifamiliares e parcelas sen edificar e que carece de sinalización horizontal. Neste sentido, o proxecto prevé tamén executar ou adaptar a sinalización viaria en función da configuración da vía, co fin de contribuír a unha circulación máis segura.
O orzamento base de licitación da obra ascende a 30.835,68 euros, IVE incluído.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou a importancia de continuar investindo no mantemento e na mellora das infraestruturas municipais, especialmente nas parroquias rurais. «O mantemento dos camiños municipais é fundamental para garantir unhas condicións adecuadas de circulación e seguridade, así como para mellorar a accesibilidade e a calidade de vida da veciñanza. Con actuacións como esta, seguimos atendendo as necesidades das parroquias e mellorando infraestruturas que forman parte do día a día das persoas», sinalou o rexedor.
A intervención en Muradella forma parte das actuacións de mellora das vías rurais promovidas polo Concello de Soutomaior ao abeiro das axudas para actuacións en camiños rurais 2026-2027 da Consellería do Medio Rural. Neste mesmo programa inclúese tamén o proxecto de mellora e repavimentación do camiño do Valadoiro, en Moreira, co obxectivo de seguir renovando e acondicionando a rede viaria municipal nas distintas parroquias do concello.

