O Porriño suma unha nova centenaria: Carolina Leiras celebra 100 anos de vida e historia

Redacción

A veciña de Torneiros soprou este 16 de outubro as tres cifras rodeada da súa familia e o alcalde do Porriño, tras unha vida chea de viaxes, traballo coma modista e unha incrible forza para superar calquera obstáculo.

Hai datas que merecen unha celebración por todo o alto, e acadar un século de vida é, sen dúbida, unha delas. O concello do Porriño conta dende este venres, 16 de outubro, cunha nova centenaria: Carolina Leiras, quen celebrou os seus 100 anos rodeada do cariño da súa familia soprando unha torta coa forma de esa cifra máxica, reservada só para algúns . Unha celebración á que se sumou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que xa se comprometeu con ela a acudir á vivenda familiar de Torneiros por cada díxito que se sume a esas velas. 

Carolina vive   xunto á súa irmá Delia, de 95 anos —que agarda tamén chegar aos 100—, e dous dos seus sobriños. Rodeada dunha familia que a coida, a arroupa e que sabe que leva o xen da lonxevidade, xa que a tía de Carolina chegou aos 107 anos  

Unha vida de viaxes, costura e independencia

Os 100 anos de Carolina dan para moitas historias.  Solteira durante toda a súa vida,  dedicouse en corpo e alma á súa profesión: costureira e modista e viaxou por medio mundo Cruzou  o Atlántico e traballou en países como Brasil, Uruguai e Arxentina, antes de regresar á súa terra natal para seguir vestindo a moitísimos veciños e veciñas da contorna. Á súa volta, fixou a súa residencia na casa da súa avoa.

Un exemplo de fortaleza e xenes lonxevos

Se algo caracteriza a esta porriñesa é a súa incrible capacidade de superación. Hai uns vinte anos superou un cancro e enfrontouse a varias intervencións cirúrxicas, entre elas operacións de cadeira con prótese. De feito, unha desviación de cadeira fixo que dende moi nova tivese que utilizar bastón, pero isto non impide que aos seus 100 anos teña unha saúde de ferro.  

A lonxevidade parece ser ademais un selo de familia. Ademais da súa irmá Delia, Carolina tiña outra irmá que tamén superou os 90 anos antes de falecer, e unha tía orixinaria de Mosende que acadou a impresionante cifra dos 107 anos.

Comparte este artigo