O Porriño reúne a todos os centros educativos no Almorzo Pedagóxico para marcar as liñas do novo curso

Redacción
  • O encontro reuniu aos equipos directivos de todos os centros do municipio, desde Infantil ata Formación Profesional e ACEESCA, e serviu para dar a benvida aos novos directores do IES Pino Manso e do CEIP Xosé Fernández López.
  • Preténdese con estes encontros seguir xerando sinerxias coa administración e entre os propios centros

O Concello do Porriño celebrou hoxe o primeiro Almorzo Pedagóxico do curso 2026-2027, un encontro dirixido a dar o pistoletazo de saída ao novo ano académico e a coñecer de primeira man as inquedanzas e necesidades dos equipos educativos do municipio. Tamén de axudalos a xenerar sinerxias entre os seus centros escolares

A xuntanza contou coa representación de todos os centros escolares do Porriño, englobando dende a Educación Infantil ata a Formación Profesional e o Bacharelato, así como o centro de educación especial ACEESCA. Nesta ocasión, a xuntanza serviu tamén para dar a benvida por primeira vez aos dous novos directores que comezan este curso a súa andaina á fronte das súas respectivas comunidades educativas: o do IES Pino Manso, Manuel Otero e o do CEIP Xosé Fernández López, Ricardo García.

Esta iniciativa consolida o espazo de diálogo fluído e colaborativo entre a administración local e a comunidade educativa, permitindo abordar cuestións clave do día a día dos centros, poñer en común proxectos para os vindeiros meses e aliñar as accións municipais coas demandas reais do ámbito escolar.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou durante o enconrto a importancia de manter esta canle directa de comunicación ao comezo do curso, puntualizando que “estes encontros permítennos escoitar aos equipos directivos desde o primeiro momento, entender as súas prioridades e traballar xuntos para que os nosos colexios e institutos conten co apoio necesario. Queremos seguir coordinando esforzos para ofrecer unha educación pública de calidade e adaptada ás necesidades de todo o alumnado do Porriño”.  

A este primeiro almorzo pedagóxico asistiu tamén o xefe territorial de Educación da Provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, que loubou a iniciativa, así como as conselleiras de Educación, Carolina González e Emprego, Teresa Veloso e o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Bienvenido Estévez; tres áreas fortemente  relacionadas coa Educación.

Comparte este artigo