A Xunta de Goberno acorda impoñer senllas sancións á empresa adxudicataria da reurbanización da rúa de García Lorca, pola paralización das obras sen causa suficientemente acreditada e polo incumprimento reiterado das ordes do Concello para a execución do contrato.
O Goberno Local acordou a imposición de penalidades por unha suma de 99.082,74 euros á empresa Marconsa incumprimentos moi graves do contrato das obras de reurbanización da rúa de García Lorca (Fase I), que lle foron adxudicadas en 2025.
Este acordo tomouse nunha Xunta de Goberno Local (XGL) extraordinaria celebrada o pasado, venres 16 de outubro. A resolución do expediente acepta parcialmente as alegacións presentadas pola empresa, no relativo á gradación do importe, e rexeita as demais. Deste, xeito, impóñenselle dúas sancións: dunha banda, unha penalidade por importe de 49.541,37 euros, pola paralización das obras sen causa suficientemente acreditada desde o reinicio do prazo contractual; doutra, unha penalidade por importe doutros 49.541,37 euros, polo incumprimento reiterado das ordes do Concello para a execución do contrato.
O Concello informara xa sobre as súas advertencias á empresa das consecuencias contractuais dos atrasos desta obra.
Por outra parte, na sesión ordinaria da XGL celebrada este luns tomáronse varios acordos no ámbito da contratación. Entre eles, designouse o enxeñeiro técnico José Manuel Becerra Mayo como responsable do contrato para o servizo de mantemento das instalacións de protección contra incendios dos edificios e locais municipais, adxudicado a JOMAR SEGURIDAD SL.
Aprobouse tamén a cancelación do aval en concepto de fianza definitiva constituída pola empresa ALCOMTE GALICIA, S.L. para responder do contrato das obras de acondicionamento da contorna do CSC da Gracia, accesibilidade e mellora da área de xogos e circuíto biosaudable.
Así mesmo, validouse a omisión da función interventora das facturas de arrendamento de vehículos da policía local, lotes I e II, da empresa GRUPIVAZGLE correspondentes aos meses de abril e maio do ano 2026 (5420,80 euros).
Aprobouse unha orde de continuidade á empresa GARAJE CERVANTES 27, S.L. que xestiona o aparcadoiro da praza de Vigo polo tempo estritamente necesario para o remate do expediente de municipalización que se está a tramitar.
Acordouse tamén solicitarlle á Deputación Provincial da Coruña unha prórroga do prazo de vixencia do convenio de cooperación para o financiamento da obras no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro.
Premios á Excelencia Empresarial Axenda Urbana 2030
En canto á promoción económica, a Xunta de Goberno aprobou o nomeamento e a convocatoria do xurado da V edición dos Premios á Excelencia Empresarial Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago de Compostela, que estará presidido pola concelleira responsable de Promoción Económica, María Rozas. Tamén fomarán parte do xurado: en representación da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Sandra Becerra; pola Asociación Área Empresarial do Tambre, José Manuel Beceiro: por Espazo Coop. María del Mar Pernas; en nome da USC, Eva López Barrio; como dirección executiva da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, María Cadaval; e en representación do Departamento de Promoción Económica do Concello de Santiago María Montserrat Agrelo, en calidade de secretaria do xurado, con voz, pero sen voto.
Licenzas
A Xunta de Goberno Local concedeu na sesión ordinaria deste luns licenzas para a rehabilitación dunha vivenda familiar acaroada na rúa de López Ferreiro, 10; a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar na rúa da Pedra Albeira, 10; e a reparación de fachada e cuberta no edificio situado na rúa da Angustia, 28A.
Tamén se autorizou a modificación da licenza de obra nova para edificio de oficinas e estacionamento da sede central de COGAMI na rúa de Vicente Risco (parcela EQ-leste do Plan de sectorización do SUNP-4 das Cancelas); a rehabilitación enerxética das fachadas e da cuberta no edificio situado na rúa de Arzúa, 15; e a instalación de sistema de illamento nas fachadas do edificio situado na avenida de Salamanca 21.
Convenios
A Xunta de Goberno aprobou este luns convenios de colaboración con catro entidades sociais por un importe total de 65.500 euros. En concreto, coa Federación Galega de Baloncesto, por valor de 20.000 euros; co Club de Atletismo Fontes do Sar, 30.000 euros; con Special Olympics Galicia, por 3.500 euros; e coa Federación Galega de Teatro Afeccionado, por 12.000 euros.
Doutra banda, ampliouse ata o 11 de novembro do prazo para xustificar as axudas a asociacións veciñais.

