Esta medida xa se aplicou nos últimos meses nas parroquias e barrios da cidade
Para facerlle fronte aos roedores, o Concello de Ribeira intensifica no núcleo urbano unha campaña de desratización que se suma aos controis habituais. Xa nos últimos meses se acometeu esta medida nas parroquias e barrios da cidade e, a partir desta semana, farase especial énfase no centro.
Ambitega Plagas S.L. continuará aplicando nestes días tratamentos de desratización na rede de sumidoiros con produtos específicos para estes mamíferos, sen afectar ao resto da fauna nin seres humanos.
Tamén se actuará en superficie co selado de buracos onde habitan os roedores. Así mesmo, realizarase tratamento insecticida fronte a cucarachas.
Esta nova campaña supón un investimento próximo aos 2.000 euros a levar a distintos puntos da cidade ata mediados do mes de novembro. Farase de maneira integral na rúa Galicia, Malecón e paseo das Carolinas, así como en avenida Rosalía de Castro, rúa Barbanza, rúa Carroucha, rúa Carqueixa, rúa Manzanares, rúa Sidreiras, así como en barrios como Fondevila, Xarás ou Abesadas, entre outros.

