Francisco Diéguez: ‘’Non estamos en contra da celebración do Nadal, pero si defendemos que as festas deben ser compatibles coa protección do noso patrimonio. Se o Concello insiste en manter a árbore en Bispo Cesáreo, debe garantir a conservación da fonte. E, se esa protección non pode asegurarse, pedimos que se estude o seu retorno ao Mosteiro de Oseira’’
A formación reclama unha solución que garanta a protección do elemento patrimonial ante a decisión municipal de manter a instalación navideña na praza.
Avante Ourense propón que se estude o retorno da Fonte de Oseira ao Mosteiro de Santa María a Real de Oseira como alternativa para garantir a súa conservación, ante a decisión do Concello de Ourense de manter a instalación da árbore de Nadal na praza Bispo Cesáreo.
A formación considera que a celebración do Nadal debe ser compatible coa protección do patrimonio histórico e que o Concello debe ofrecer garantías de que a instalación non provocará danos na fonte. Porén, ante a decisión municipal de manter a árbore nese espazo, Avante Ourense defende que se estuden alternativas que permitan asegurar a conservación deste elemento patrimonial.
Neste sentido, a organización propón abrir unha vía de diálogo co Mosteiro de Oseira e coas administracións competentes para analizar a viabilidade histórica, técnica e xurídica do retorno da fonte ao conxunto monástico, co que mantén unha vinculación histórica.
Avante Ourense considera que a protección do patrimonio non pode quedar subordinada ás necesidades dunha instalación ornamental temporal. A formación entende que, se non se pode garantir adecuadamente a conservación da fonte na súa localización actual, debe valorarse seriamente a posibilidade de recuperala para o seu contexto histórico.
Por iso, solicita ao Concello de Ourense e á Xunta de Galicia que impulsen os informes necesarios, aclaren as medidas previstas para protexer a fonte e estuden formalmente a proposta de traslado, contando coa comunidade monástica e respectando os procedementos legais e patrimoniais correspondentes.
A formación conclúe que Ourense precisa políticas que combinen a actividade festiva coa defensa da súa historia e do seu patrimonio, evitando que os elementos históricos da cidade queden expostos a posibles danos por decisións temporais.

