- Ángeles Vázquez explica que esta materia é un reto compartido e presente en todos os sectores da sociedade ademais dunha oportunidade para innovar e camiñar cara un territorio neutro en emisións
- A Alianza Galega polo Clima suma xa máis de 270 entidades e segue aproveitando sinerxías para traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para acadar a neutralidade climática
- Destaca que esta iniciativa é un ecosistema vivo, poñendo como exemplo o lanzamento da Comunidade B2B e o MentoringLAB traballando conxuntamente para reducir a pegada de carbono
A Xunta presentou hoxe en Santiago o primeiro Catálogo de Boas Prácticas en Acción Climática da Alianza Galega polo Clima para poñer en valor o traballo das entidades galegas máis comprometidas neste eido.
O documento, que recolle 13 iniciativas destacadas en materia de residuos, innovación sostible ou no avance cara un modelo produtivo máis eficiente e respectuoso co medio ambiente e impulsadas por organización adheridas á Alianza, serve de exemplo e demostra o compromiso coa sostibilidade e como se traduce en medidas concretas e resultados reais.
Así o explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, na clausura da IV Conferencia das Partes da Alianza Galega polo Clima, onde subliñou que a acción climática é un reto compartido e presente en todos os ámbitos e sectores da sociedade, ademais dunha gran oportunidade para innovar, colaborar e construír entre todos unha Comunidade neutra en emisións.
Neste sentido, esta iniciativa da Alianza Galega polo Clima suma xa máis de 270 entidades adheridas entre universidades, organismos, autoridades portuarias, entidades asociativas ou empresas, e ten por obxectivo conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.
Pretende, entre outras cuestións, o establecemento de accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático; o fomento de intercambio de información científica, tecnoloxía, socioeconómica e xurídica neste eido; a promoción da investigación vencellada co clima e a difusión de tecnoloxías para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.
Nesta xornada analizáronse e premiáronse ideas, proxectos e experiencias, concentrándose o coñecemento, a capacidade executiva e a sensibilidade social, unha unión que define perfectamente a Alianza Galega polo Clima.
Así, foron recoñecidas cos Premios Acción polo Clima catro entidades que proban que a economía circular avanza en Galicia con feitos tanxibles. Recibiron os galardóns Birdmind por converter un residuo como a cascarilla do arroz nun material innovador de alto valor, Agroamb por devolverlle á terra a materia orgánica en forma de fertilizante, a Froiz por demostrar que as grandes empresas poden liderar valorizando practicamente o 100% dos seus residuos, e a Anfaco-Cytma por poñer a ciencia ao servizo do mar para darlle unha nova vida aos subprodutos da pesca.
Balance da conferencia
A conselleira lembrou que os obxectivos e instrumentos reais que se presentaron durante a xornada de hoxe seguirán desenvolvéndose e ampliando o vindeiro ano 2027, xa que o orzamento das políticas climáticas da Consellería de Medio Ambiente incrementará un 29,3% para poder seguir achegando os avances a toda a cidadanía e seguir construíndo unha Galicia máis sostible.
Ademais, presentáronse proxectos e resultados como o da Comunidade B2B, un espazo dixital onde as organizacións colaboran compartindo sinerxías e acelerando proxectos conxuntos de descarbonización sen burocracia e con axilidade, o MentoringLAB, que reuniu mías de 50 organización que xeraron preto de 40 propostas para avaliar riscos e reducir a pegada de carbono, ou o Climathon, , unha experiencia que reuniu talento, creatividade e compromiso para atopar solucións tanxibles a desafíos ambientais moi concretos.

