- – O encontro bianual, organizado conxuntamente co Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia e a Asociación Española de Traballo Social e Saúde, promoveu o debate sobre o papel profesional e as boas prácticas no ámbito sanitario
- – Profesionais da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés lideraron o desenvolvemento dos debates coa participación da directora de Atención Primaria, Itziar Melendo, e das traballadoras sociais sanitarias Gema Garcimartín, Ana Carolín Rodríguez e Beatriz Leclere Rodríguez
O salón de actos de Montecelo celebrou hoxe a V Xornada Galega de Traballo Social e Saúde, un encontro de carácter bianual que reuniu a profesionais asistenciais de toda a Comunidade baixo o lema Por unha atención sanitaria orientada á equidade. A cita reflexionou sobre o papel do Traballo Social na atención integral ao paciente e visibilizou as boas prácticas profesionais.
A xornada, organizada en colaboración co Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia e a Asociación Española de Traballo Social e Saúde, contou coa inauguración do director xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS, Alfredo Silva e o xerente da Área Sanitaria, José Flores, xunto coas intervencións doutras responsables do Traballo Social en Galicia.
Programa orientado á profesión, á autonomía e á investigación
A xornada comezou co relatorio da subdirectora de Humanización e Calidade da Área Sanitaria de Ferrol, Estrella López-Pardo, que compartiu a súa visión do traballo social sanitario desde a súa experiencia na xestión e a dirección. A continuación, a primeira mesa O Traballo Social como profesión sanitaria, moderada pola directora de Atención Primaria da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Itziar Melendo, afondou en cuestións coma a relevancia asistencial dos equipos multidisciplinares, a incorporación da perspectiva social na investigación con medicamentos, abordando estratexias de humanización e analizando experiencias nos comités de ética e nas unidades de transplantes.
A segunda mesa, co título A autonomía como dimensión clave na atención sanitaria iniciouse cunha experiencia persoal seguida dun debate entre expertos e docentes sobre autonomía, prestación de axuda para morrer e os aportes da profesión. Foi moderada por Gema Garcimartín García, traballadora social sanitaria da área pontevedresa.
Pola tarde, a programación continuou coa exposición de comunicacións libres, un espazo moderado pola traballadora social sanitaria da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés Ana Carolín Rodríguez Martín. No acto de clausura, a lectura das conclusións finais correou a cargo da traballadora social sanitaria desta Área Beatriz Leclere Rodríguez.
Coa acollida desta V Xornada Galega de Traballo Social e Saúde no Hospital Montecelo, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reafirma a súa aposta pola humanización, o traballo interdisciplinar e a consolidación dos servizos de traballo social como piares básicos para garantir a calidade e a equidade na atención á cidadanía.

