- O novo itinerario peonil e ciclista discorrerá ao longo de case un quilómetro e a intervención inclúe unha glorieta para mellorar a seguridade viaria na contorna da parroquia de Marcón
- A nova senda será cofinanciada con fondos europeos FEDER
A Xunta vén de propoñer a adxudicación das obras da nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-542 en Marcón, no concello de Pontevedra, á empresa Audeca S.L.U por 1,2M€ (con IVE). A actuación será cofinanciada con fondos europeos FEDER.
Este novo itinerario peonil e para ciclistas non deportivos, de case un quilómetro de lonxitude, permitirá conectar os núcleos da Ermida, Pazos e Marcón, e mellorará o acceso aos equipamentos situados na contorna, como o colexio, a igrexa ou o polideportivo desta parroquia pontevedresa.
Ademais da senda, a actuación na PO-542 inclúe tamén a habilitación dunha glorieta, con 30 metros de diámetro exterior, para mellorar a seguridade viaria e a fluidez do tráfico neste punto.
O proxecto inclúe tamén intervencións complementarias, como a eliminación de carrís centrais de espera para xiros á esquerda, a mellora das interseccións existentes, a creación de espazos de aceleración e desaceleración nos accesos, así como a habilitación de dous novos refuxios para usuarios do autobús.

