Avante Ourense recorre á Xunta, á Deputación e ao Goberno central ante a “inutilidade e neglixencia” de Jácome en materia ambiental

Redacción

Francisco Diéguez: ‘’Ante a inutilidade e a neglixencia de Jácome á hora de abordar unha política ambiental seria, non imos quedar de brazos cruzados. Se o goberno municipal non é quen de impulsar unha planificación rigorosa, acudiremos ás administracións autonómica, provincial e estatal para reclamar colaboración e recursos”

Avante Ourense presentou solicitudes formais ante a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e o Ministerio para a Transición Ecolóxica para reclamar apoio técnico e financiamento destinado á renaturalización da cidade.

A formación considera que Ourense precisa un plan integral que mida a cobertura arbórea e o acceso ás zonas verdes mediante o criterio 3-30-300, mellore espazos como o Xardín do Posío e o parque de San Lázaro, estude alternativas para renaturalizar superficies pavimentadas e impulse a recuperación ambiental das ribeiras do Miño e do Barbaña.

Avante critica que o goberno municipal siga sen ofrecer á cidadanía unha folla de ruta integral que permita coñecer que barrios precisan máis árbores, onde faltan espazos verdes e que actuacións se van executar para reducir as temperaturas urbanas. “Non abonda con reformar prazas ou renovar pavimentos: cómpre saber se cada intervención mellora realmente a calidade ambiental da cidade”.
“Jácome leva anos gobernando Ourense e ten a responsabilidade de planificar o futuro da cidade. A política ambiental non pode quedar relegada a un segundo plano. Precisamos datos públicos, prioridades claras e investimentos que se traduzan en máis sombra, máis biodiversidade e mellores espazos para a veciñanza”, engade Diéguez.
A formación considera especialmente importante revisar os espazos públicos que poderían gañar superficie verde, estudar a renaturalización parcial de zonas excesivamente pavimentadas e mellorar o mantemento dos parques. Estas actuacións deben realizarse con criterios técnicos e participación veciñal, sen eliminar usos deportivos ou sociais sen ofrecer alternativas adecuadas.
“O máis preocupante é que teñamos que acudir a outras administracións para reclamar que se estude algo tan básico como adaptar Ourense á calor e mellorar os seus espazos verdes. Se o Concello non asume o liderado, esixiremos á Xunta, á Deputación e ao Estado que expliquen que apoio poden prestar e que vías de financiamento existen”, sinala o coordinador.

A formación reclama obxectivos medibles, un calendario de actuacións e financiamento suficiente para reducir o cemento, aumentar a sombra e facer de
Ourense unha cidade máis verde e preparada fronte á calor.
“Ourense merece unha política ambiental con resultados, non máis abandono nin improvisación”, conclúe Diéguez.

Comparte este artigo