Remata a Liga Local de TRAIL-O organizada por Amizade e Aromon

Redacción

O Sábado día 31 terá lugar a última proba da liga local de TRAIL-O que durante todo o ano 2026 organizaron conxuntamente a Asociación Amizade e o clube Aromon.

O TRAIL-O é unha modalidade do deporte de orientación na que non se valora tanto a velocidade senon o pensamento, análise e interpretación dos mapas. E sobre todo, permite que poida ser practicada por persoas con mobilidade reducida, xa que se desenvolve ao longo dun itinerario accesible.

É por isto que a asociación AMIZADE considerou de interese promocionar esta modalidade deportiva, ofrecendo a todas as persoas con discapacidade unha alternativa accesible de practicar deporte; un deporte que ademais é moi inclusivo xa que tanto as persoas con mobilidade reducida como as persoas que non a teñen realizan a mesma proba.

Para afondar na promoción deste deporte inclusivo e realizar a xestión e desenvolvemento das diferentes probas cóntase coa implicación do club Aromon, que posúe ampla experiencia na xestión de deportes de orientación. Así mesmo, a asociación AMIZADE quere agradecer a colaboración do Concello de Pontevedra, sen a cal a organización destas probas sería moito máis difícil.

Despois dunha primeira proba na contorna do Mirador de Monteporreiro, no mes de maio, e unha segunda proba na Illa das esculturas, no mes de xullo, o vindeiro sábado dia 31 terá lugar a última proba deste ano 2026, que nesta ocasión se desenvolverá na contorna do parque das palmeiras a partir das 10:30h (o inicio será desde Montero Ríos, pola beira do edificio da deputación).

Tanto asociación AMIZADE como o club Aromon animan a toda a sociedade pontevedresa, con e sen discapacidade, a que se acheguen a coñecer esta modalidade de deportiva, que ademais do seu carácter inclusivo, permite poñer a proba as capacidades de orientación que cada persoa se cree que posúe.

Comparte este artigo