O Concello de Santiago expresa no Pleno de outubro o seu compromiso firme e inquebrantable contra calquera forma de violencia machista no marco da conmemoración do 25N; e acorda tamén propoñer a campioa do mundo júnior de ciclismo en ruta Alejandra Neira como merecedora da Medalla de Ouro da Cidade ao mérito deportivo.
A Corporación Municipal de Santiago vén de aprobar por unanimidade no Pleno ordinario de outubro, celebrado este luns 2 de novembro, dúas declaracións institucionais. Dunha banda, o Concello reafirma o seu compromiso contra calquera forma de violencia machista co gallo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Doutra, acorda trasladar ao Consello Asesor de Condecoracións a proposta de concesión da Medalla de Ouro da Cidade a Alejandra Neira Domínguez, polos seus éxitos deportivos internacionais e por levar o nome de Santiago de Compostela ao máis alto nivel do ciclismo feminino, como exemplo do talento que nace no deporte de base de Compostela.
Ambas as dúas declaracións institucionais foron apoiadas por BNG, CA, PP, PSdeG-PSOE e concelleiro e concelleiras non adscritas.
A sesión ordinaria do Pleno da Corporación convocada para o 29 de outubro foi adiada ao 2 de novembro como mostra da dor ante o tráxico accidente ferroviario que aconteceu o día 28 de outubro en Toledo. O Pleno deu comezo cun minuto de silencio en memoria das vítimas deste sinistro e das mulleres asasinadas por violencia machista.
Declaración polo 25N
Na Declaración Institucional polo 25N, o conxunto dos grupos condenan todo acto de violencia machista e lembran con recoñecemento todas as vítimas: as mulleres asasinadas, as superviventes e os seus fillos e fillas.
Acordan seguir traballando para que a prevención sexa a prioridade e reafirman o Concello como primeira porta de acollida, á vez que se apostan por consolidar programas estables de prevención dirixidos á mocidade e desenvolver campañas específicas de sensibilización para este colectivo..
Así mesmo, a Corporación Municipal insta as demais administracións públicas a garantir recursos estables e suficientes, formación especializada e continua para todo o persoal que intervén na atención ás vítimas, así como o desenvolvemento íntegro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Medalla de Ouro ao mérito deportivo
Por outra banda, o Pleno da Corporación concorda en quea ciclista compostelá Alejandra Neira Domínguez merece o máximo recoñecemento municipal tras proclamarse campioa do mundo júnior de ciclismo en ruta e campioa de Europa júnior de contrarreloxo individual no ano 2026.
Nada en Santiago de Compostela en 2008, a súa traxectoria deportiva é excepcional, con éxitos internacionais que culminan nunha progresión que xa a levara a conquistar títulos estatais, entre eles o Campionato de España júnior de contrarreloxo en 2025 e o dobrete nacional de ruta e contrarreloxo en 2026. Ao seu palmarés súmanse tamén triunfos en competicións internacionais, como a Liexa-Bastoña-Liexa feminina júnior, que confirman o seu talento e a súa capacidade competitiva.
As concelleiras e concelleiros composteláns valoran ademais que Alejandra Neira se converteu xa nunha embaixadora deportiva de Santiago, levando o nome da cidade ás grandes competicións internacionais e contribuíndo á súa proxección exterior.
O Pleno de Santiago considera así que os extraordinarios méritos deportivos de Alejandra Neira, a súa vinculación coa cidade e os valores de esforzo, superación e igualdade que representa xustifican a concesión da Medalla de Ouro da Cidade de Santiago de Compostela ao mérito deportivo, polo que a Corporación traslada esta proposta ao Consello Asesor de Condecoracións e insta o Goberno local a promover un acto institucional de entrega da Medalla de Ouro da Cidade que permita compartir este recoñecemento coa deportista, coa súa familia, co Club Ciclista Compostelano e coa cidadanía de Santiago de Compostela.
Por outra banda, neste Pleno ordinario de outubro Saleta Chao tomou posesión do cargo de concelleira.

