A Xunta Electoral de Zona de Ferrol estimou por unanimidade unha nova denuncia do BNG tras a publicación dun balance económico triunfalista en pleno período electoral.
Alén do electoralismo, a propaganda contrasta coa realidade: A convocatoria dun pleno para modificar o orzamento por máis de 308.000€ para pagar salarios das traballadoras municipais ante a falta de crédito dispoñíbel
A Xunta Electoral de Zona (XEZ) de Ferrol volveu darlle a razón ao BNG de Cabanas ao estimar por unanimidade a segunda denuncia presentada polo grupo municipal da formación nacionalista contra publicidade ilegal do Concello de Cabanas. Na súa resolución, o órgano electoral declara que a publicación difundida polo Concello sobre o peche do exercicio económico de 2025 vulnera o artigo 50.2 da LOREG e desatende o requirimento de abstención notificado o pasado mes de outubro.
A XEZ de Ferrol determina que a difusión de datos económicos e balances de xestión cunha contextualización de parte e un evidente ton triunfalista, como os realizados en relación ao superávit orzamentario e o remanente de tesourería, constitúen publicidade de logros de xestión por parte dunha administración pública, algo prohibido en período electoral. En consecuencia, requiriuse de novo a retirada inmediata e definitiva destas publicacións e emitiuse un apercibimento expreso ao alcalde, Fernando Couce, advertíndolle da apertura inmediata dun procedemento sancionador se volve reincidir.
A realidade que desmente a propaganda
Desde a formación nacionalista sinalan que, contrastando co contido da propaganda agora declarada ilegal, o alcalde tivo que convocar un pleno extraordinario para esta mesma semana para aprobar dous expedientes de modificación orzamentaria (suplementos de crédito e créditos extraordinarios) por un importe total que supera os 308.000 euros, con cargo ao remanente e maiores ingresos, para pagar salarios do persoal municipal.
O voceiro municipal do BNG en Cabanas, Iago Varela, denunciou que “mentres o goberno presume na súa propaganda de boa xestión e aforro, a realidade é que o orzamento municipal en vigor non chega nin para pagar os salarios e a Seguridade Social das traballadoras municipais até final de ano, o que obriga a ter que recorrer ao remanente de maneira urxente”.
Desde o BNG consideran “lamentable” que o goberno municipal teña que ser corrixido por segunda vez pola autoridade electoral, e instan ao alcalde a “abandonar a reincidencia, acatar as resolucións e respectar a neutralidade institucional á que está obrigado por lei”.

