Luis Menor supervisa, xunto á alcaldesa de Oímbra, as obras de mellora na senda peonil da estrada provincial que comunica con Verín

Redacción
Visita Luis Menor Pérez (Presidente da Deputación de Ourense) ó concello de Oimbra acompañado por Ana Villarino Pardo (Alcaldesa de Oimbra), Marta Docampo González (Xefa da área de infraextructuras da Deputación), Javier Carballo (Técnico da Deputación), e dos concelleiros de Oimbra, Domingo Rodríguez, Primo Rivero, Antonio Villabril e Sindo Dapia.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, coñeceu hoxe in situ, acompañado pola rexedora de Oímbra, Ana Villarino e pola xefa da área de Infraestruturas da Deputación, Marta Docampo as actuacións levadas a cabo nesta vía provincial que abrangue case 600 metros de itinerario peonil e ciclista adaptado á normativa de accesibilidade

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, desprazouse hoxe ata o Concello de Oímbra para coñecer sobre o terreo, acompañado pola alcaldesa, Ana Villarino e pola xefa da área de Infraestruturas da Deputación, Marta Docampo, o avance dos traballos da primeira fase da senda peonil e ciclista que discorre pola marxe dereita da estrada provincial OU-1011, entre Oímbra e Verín.

Na visita a este enclave, o presidente provincial destacou que se trata dunha obra “extraordinariamente pensada, executada e útil desde o punto de vista da seguridade, da accesibilidade e incluso desde a propia estética de entrada á capitalidade de Oímbra”.

Pola súa parte, a alcaldesa de Oímbra explicou a transcendencia desta actuación por ser a vía de acceso a todo o concello e aos seus 11 núcleos de poboación, polo tanto “trátase dunha obra moi demandada porque soportaba moitísimo tránsito sobre unha plataforma moi limitada e sen beirarrúa, comprometendo a seguridade viaria de peóns e ciclistas”.

A obra, cun orzamento de 138.900,74 euros, abrangue un tramo de case 600 metros e inclúe a adecuación de beirarrúas á normativa vixente de accesibilidade con lousa táctil, a instalación dunha nova rede de drenaxe e a renovación integral do firme. De forma complementaria, o Concello desenvolve na marxe esquerda unha cuneta transitable cofinanciada a través do Fondo de Compensación Ambiental, mentres que a Deputación mantén xa en tramitación a licitación da segunda fase do itinerario.

Durante a visita institucional ao municipio, a alcaldesa explicou ao presidente outros investimentos realizados polo Concello coas achegas da institución provincial a través do Plan CooperOU, que neste mandato alcanza os 768.468 euros.

Comparte este artigo