O Partido Popular de Pontevedra denuncia o estado de abandono institucional no que se atopa o antigo edificio de Facenda na cidade co silencio cómplice do BNG

Redacción

• “O goberno de Pedro Sánchez lamentablemente esqueceu a Pontevedra durante todos estes anos, co abandono de proxectos históricos da cidade de Pontevedra e da contorna. Este é un exemplo máis do “esquecemento crónico” ao que o Goberno somete á capital da provincia, aos que suman unha lista de infraestruturas aínda pendentes”, indicou Rafa Domínguez.

• Pepa Pardo criticou duramente a falta de investimentos nos últimos anos na provincia e afeou o “silencio cómplice” do BNG en Madrid, socios do Goberno de Pedro Sánchez, ante a falta de prazos e compromisos reais para recuperar este emblemático edificio de Pontevedra.

• Pedro Puy, fixo fincapé en que Pontevedra está a sufrir un abandono por parte do Goberno en todo o que é o investimento. ““Estamos a notalo nas estradas, no ferrocarril, e tamén en edificios emblemáticos como este, que se nos cae, porque hai un grave problema de base. Unha lexislatura completa sen orzamentos, o cal é inaudito en democracia. Non ocorre en ningún país”, finalizou Pedro Puy.

Pontevedra, 3 de novembro de 2026.-Os candidatos do Partido Popular ao Congreso dos Deputados, Pepa Pardo e Pedro Puy, acompañados polo presidente do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, compareceron ante os medios para denunciar o estado de abandono institucional no que se atopa o antigo edificio da Delegación de Facenda. “Un exemplo máis” do “esquecemento crónico” ao que o Goberno de España someteu á capital provincial.

Durante o encontro, Rafa Domínguez detallou que o inmoble —catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) e pechado desde o ano 2010— presenta un deterioramento progresivo no seu tellado e fachada que obrigou a mantelo valado por motivos de seguridade. Esta parálise súmase a unha lista de infraestruturas pendentes na cidade, como o nó de bombeiros, os problemas de inundacións na autovía PO-11, a dragaxe do río Lérez e o paseo peonil cara a Marín.

Pola súa banda, Pepa Pardo criticou duramente a falta de investimentos nos últimos anos na provincia e afeou o “silencio cómplice” do BNG en Madrid, socios do Goberno de Pedro Sánchez, ante a falta de prazos e compromisos reais para recuperar este emblemático edificio para a cidadanía de Pontevedra.

“Este abandono do Gobierno sanchista a Pontevedra, conta, non nos esquezamos nunca, coa complicidade do BNG de Lores. 8 anos de abandono que están perfectamente reflectidos nesta imaxe, a imaxe dun edificio emblemático da cidade sumido no abandono máis profundo”, indicou a candidata popular.

Pepa Pardo lembrou que no ano 2023, precisamente, na Praza da Ferrería, houbo un mitin do entón ministro Miquel Iceta no que afirmou aos catro ventos que no ano 2025 poderíamos ver as portas abertas do edificio de Facenda.

“Pois ben, estamos a terminar o ano 2026 e aquí seguimos. O edificio está total e absolutamente abandonado. Nós queremos compromisos con Pontevedra, con Galicia, queremos un goberno que funcione e que xestione. Pero o que vimos ata o de agora é un goberno que estivo moito máis dedicado ás xoias, ás prostitutas, ás saunas, que a xestionar e a gobernar. Por iso, o que nós necesitamos é volver á decencia, volver á xestión, volver ao rigor, que iso é o que nos están pedindo e clamando os españois. E iso é o que o 29-N lograremos con Alberto Núñez Feijóo. Un Goberno que non discrimine a Galicia nin a Pontevedra”, explicou

Pola súa banda, o candidato ao Congreso, Pedro Puy, fixo fincapé en que, a maiores, Pontevedra está a sufrir, como moitas outras cidades e en xeral toda Galicia, un abandono por parte do Gobierno en todo o que é o investimento, neste caso de restauración e de conservación, e isto esténdese á maioría dos bens públicos que son propiedade do Estado.

“Estamos a notalo nas estradas, estamos a notalo no ferrocarril, estamos a notalo tamén en edificios emblemáticos como este, que se nos cae, porque no fondo hai un grave problema de base, un grave fallo sistémico dun Goberno. Unha lexislatura completa sen orzamentos, o cal é inaudito en democracia, non ocorre en ningún país da nosa contorna”, finalizou Pedro Puy.

Comparte este artigo