Teatro, música, patrimonio ou o tradicional Mercado de Nadal enchen novembro e decembro de propostas para gozar da cultura
O outono e o inverno no Rosal non son para quedar na casa. O Concello prepárase para despedir 2026 cunha axenda cultural que invita a saír, emocionarse, rir, descubrir e compartir. Unha vintena de actividades converterán novembro e decembro en meses de encontro arredor do teatro, da música, da literatura, do patrimonio, dos espectáculos para a cativada e das tradicións. Un calendario que busca achegar a cultura á vida cotiá da veciñanza e ofrecer alternativas de lecer para diferentes idades e intereses.
Como destaca a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “queremos que a cultura forme parte do día a día do noso concello, que sempre haxa unha boa razón para achegarse á biblioteca, ao auditorio ou a calquera dos nosos espazos culturais. Esta programación é tamén unha maneira de facer comunidade, de compartir experiencias e de demostrar que nos municipios pequenos podemos gozar dunha oferta cultural diversa e de calidade”.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva, salienta que “deseñamos unha axenda na que conviven o talento das nosas agrupacións, as compañías de teatro, a creación artística e as actividades para as familias. Queremos que cada persoa atope unha proposta coa que conectar e que os nosos espazos culturais continúen cheos de actividade”.
O teatro sobe o pano
As artes escénicas terán un papel protagonista, con propostas que combinan humor, reflexión, imaxinación e talento local. O auditorio acollerá ‘Esas cousas marabillosas’, de Empatía Teatro, o domingo 15 de novembro, ás 19.00 horas, e ‘Os vellos non deben de namorarse’, a cargo da Aula de Teatro do Rosal, o domingo 22, tamén ás 19.00 horas.
En decembro chegarán dúas novas propostas: ‘Go Gon’, de Mala Sombra Teatro, o sábado 5, e ‘Tres porquiños’, espectáculo para toda a familia de Teatro Chirlomirlo, o sábado 19. Ambas as representacións comezarán ás 19.00 horas.
Unha biblioteca onde as historias cobran vida
Os Venres Rebuldeiros seguirán facendo da biblioteca municipal un espazo de encontro para as familias e para as crianzas, con tres novas sesións ás 18.00 horas para achegarse á lectura e á narración oral desde o xogo, a fantasía e a participación, nun ciclo que continúa apostando por espertar a curiosidade e o gusto polas historias desde as primeiras idades.
O 6 de novembro será a quenda de ‘Princesas, non grazas’; o día 20 chegará ‘A consulta da bruxa Maruxa’; e o 11 de decembro a programación despedirase con ‘A maxia dos contos’.
Música para despedir o ano
A música tamén terá o seu espazo nesta recta final de 2026. Os días 7 e 8 de novembro, o auditorio será escenario do VIII Concurso de Xoves Intérpretes Antonio Granja, organizado pola Agrupación Musical do Rosal (AMdoR), unha cita coa formación e o talento musical.
A Agrupación organizará tamén o Concerto de Santa Icía, o sábado 28 de novembro ás 19.00 horas, e protagonizará o domingo 20 de decembro, tamén ás 19.00 horas, ‘Contos de Ledicia Costas’, coa participación da súa Banda Infantil.
Pola súa banda, a Coral Ecos do Folón achegará o espírito destas datas co concerto ‘Ecos de Nadal’, o domingo 13 de decembro ás 18.00 horas.
Patrimonio
Coñecer mellor o pasado e as singularidades do territorio será outro dos eixos da programación, cunha nova cita coas Xornadas de Patrimonio con tres interesantes sesións no Centro Social Polivalente para comprender mellor elementos da historia, da natureza e da cultura que forman parte da identidade colectiva.
O sábado 21 de novembro, ás 12.00 horas, abordarase ‘O megalitismo galego’. O venres 27, ás 20.00 horas, a proposta será ‘O viaxe polo fascinante mundo das lampreas’, mentres que o venres 11 de decembro, tamén ás 20.00 horas, a atención se centrará en ‘Terra e cal na arquitectura galega’.
Arte e Nadal para completar a programación
A sala de exposicións municipal continuará aberta á creación artística con dúas propostas. Ata o 29 de novembro poderá visitarse ‘Arga’, de Alberte Pereira, inaugurada o 31 de outubro. Do 10 ao 17 de decembro tomará a remuda ‘Onde o pelo brota’, de Verónica Alonso.
E, como unha das citas máis agardadas destas datas, o Mercado de Nadal regresará os días 4, 5 e 6 de decembro á sala de exposicións, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, para encher o municipio de ambiente festivo.
O Concello anima a toda a veciñanza a participar nas diferentes actividades e a aproveitar estes dous últimos meses do ano para despedir 2026 compartindo cultura, emocións e bos momentos.

