A iniciativa combina orientación personalizada, formación e prácticas non laborais en empresas, cun investimento de 288.256,67 euros e un compromiso de inserción laboral do 45 %
O Concello de Mos dá continuidade á súa aposta pola formación e o emprego coa XII edición do Programa Integrado de Emprego 2026-2027, destinada a mellorar a empregabilidade de 100 persoas desempregadas mediante un conxunto de actuacións adaptadas aos seus perfís e ás necesidades do mercado laboral.
O Concello recibiu, o 30 de outubro de 2026, a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para desenvolver esta nova edición, cun período de execución comprendido entre outubro de 2026 e outubro de 2027 e un compromiso de inserción laboral do 45 % das persoas participantes.
O programa conta cun investimento total de 288.256,67 euros, dos que 230.000 euros corresponden á subvención da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con cargo a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), e 58.256,67 euros á achega do Concello de Mos.
Itinerarios personalizados para acceder ao Emprego
Cada persoa participante contará cun itinerario personalizado, deseñado polo persoal técnico a partir da súa formación, experiencia e obxectivos profesionais. Este acompañamento incluirá sesións de orientación laboral, ferramentas para a procura activa de emprego, desenvolvemento de habilidades sociais, coaching, formación transversal e asesoramento para o autoemprego.
A oferta formativa incorporará especialidades do Catálogo do SEPE vinculadas a sectores con demanda de persoal, entre elas organización do almacén, manexo de carretillas elevadoras, plataformas elevadoras, puente grua, atencion a persoas con demencia, cuidados auxiliaries de enfermeria, ferramentas google e limpezas especiais. Estas accións permitirán adquirir e actualizar competencias profesionais para ampliar as posibilidades de acceso ao mercado de traballo.
Como parte do itinerario, desenvolveranse prácticas non laborais en empresas, que facilitarán a aplicación dos coñecementos adquiridos e o contacto directo coa actividade profesional nunha contorna real de traballo.
Todas as actuacións serán gratuítas. Ademais, as persoas participantes contarán cunha bolsa de 10 euros por día de asistencia ás accións do programa, así como con medidas de conciliación destinadas a facilitar a súa participación e adaptar os itinerarios ás súas circunstancias persoais e familiares.
Entre estas medidas contemplaranse a flexibilidade horaria, apoio económico para servizos de conciliación infantil, zona de espera infantil, colaboración coa escolas infantís próximas para atender necesidades puntuais, segundo a súa dispoñibilidade. Para a tención de persoas dependentes o seu cargo facilitarase o acceso a centros de día, servizos de atención domiciliaria ou apoio de persoas coidadoras profesionais e axudas paa sufragar gastos de coidado durante a súa participación nas actuacións do programas.
Selección das persoas participantes
O programa diríxese a persoas desempregadas e contempla a participación de persoas con discapacidade; persoas en risco de exclusión social e beneficiarias do tramo de insercion da renda da RISGA, mulleres que acrediten a condición de vítimas de violencia de xénero; persoas migrantes; persoas persoas perceptoras de prestacion ou subsidies por desemprego; persoas menores de 30 anos e mulleres desempregadas.
Como novidade nesta XII edición, o Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos amplía o seu ámbito territorial de actuación, acadando por primeira vez unha cobertura de doce concellos: Baiona, Gondomar, Mos, As Neves, Nigrán, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Vigo.
Esta ampliación permitirá achegar os recursos de orientación, formación e acompañamento para a inserción laboral a persoas desempregadas dun territorio máis amplo, estendendo o alcance do programa máis alá do municipio de Mos e reforzando a súa proxección supramunicipal.
O proceso de selección das 100 persoas participantes desenvolverase a través da Axencia de Colocación do Concello de Mos, situada na avenida de Peinador, número 39.
As persoas interesadas en participar ou en obter máis información poden dirixirse á súa oficina do Servizo Público de Emprego ou ás instalacións da Axencia de Colocación municipal.
Con esta doceava edición, o Concello de Mos reforza o seu compromiso coa mellora das oportunidades laborais da cidadanía, mediante unha atención personalizada e a colaboración co tecido empresarial.

