Redondela selecciona a cen persoas para formarse nun programa de emprego dun ano de duración

Redacción

– Redondela pon en marcha o Programa Integrado de Emprego 2026-27 cun total de 100 prazas para persoas en paro. O programa ofrece un plan de formación dun ano con clases teóricas e prácticas.

– A alcaldesa, Digna Rivas, anima ás persoas desempregadas a participar neste programa e pon o foco “nos excelentes resultados de inserción laboral” obtidos o ano pasado, xa que o 93% dos participantes conseguiron un contrato de traballo.

O Concello de Redondela pon en marcha un novo Programa Integrado de Emprego, o correspondente ao curso 2026-27. A iniciativa céntrase en mellorar a formación das persas participantes e promover a súa inserción laboral. O proxecto conta con 100 prazas para persoas demandantes de emprego de Redondela, con prazas reservadas especialmente para parados con discapacidade, persoas e risco de exclusión social, menores de 30 anos, maiores de 52 anos, persoas desempregadas perceptoras de prestacións ou subsidios, e mulleres en paro.

Ao longo dos doce meses que dura o programa os participantes reciben orientación e asesoramento, formación, técnicas de busca de traballo e realizan prácticas en empresas. Como compensación, todos os participantes teñen dereito a percibir unha bolsa de 10 euros por cada día de asistencia ao programa.

A alcaldesa, Digna Rivas, anima ás persoas en situación de desemprego a participar neste programa e pon o foco “nos excelentes resultados de inserción laboral” obtidos no Programa Integrado de Emprego de anos anteriores. O ano pasado un total de 93 participantes acadaron un contrato de traballo durante o programa. Para Rivas esta elevada cifra de ocupación demostra “o gran éxito que supoñen estes proxectos para fomentar o emprego”. A través dos convenios con empresas da comarca, o ano pasado 36 participantes fixeron prácticas nos sectores de automoción, comercio, almacén e limpeza “e 25 foron contratados na mesma empresa”

As persoas interesadas deben estar inscritas na Oficina do Servizo Público de Emprego lles corresponda, solicitando na súa demanda o servizo de “Programas Experimentais (930)”. Tamén poden informarse no Centro de Formación A Marisma, no  paseo do Pexegueiro, 6, no teléfono de contacto 986 40 26 64, ou no enderezo electrónico per@redondela.gal.

O programa está financiado pola Consellería Emprego, Comercio e Emigración cunha subvención de 230.000 euros e o cofinanciamento do Concello de Redondela para garantir o correcto funcionamento do plan de formación.

Comparte este artigo