Un Rosal sen etiquetas nos Venres Rebuldeiros

Redacción

Manuela Ventosela chega este venres 6 de novembro á biblioteca con ‘Princesas, non grazas’, contacontos para cativada de 0 a 3 anos que convidan a romper estereotipos

Os Venres Rebuldeiros do Rosal regresan este venres 6 de novembro con «Princesas, non grazas», unha proposta de narración oral de Manuela Ventosela que convida ás crianzas a medrar sen etiquetas nin estereotipos de xénero. A cita será ás 18.00 horas na biblioteca municipal do Rosal de balde e estará dirixida a nenos e nenas de 0 a 3 anos, que poderán achegarse á igualdade e á liberdade de elección a través da maxia dos contos.
O espectáculo propón darlle unha volta ás historias tradicionais de princesas para cuestionar os roles e as expectativas que, desde idades moi temperás, condicionan o que se espera das nenas e dos nenos. Para iso, Manuela Ventosela versiona dous contos que convidan a mirar o mundo desde outra perspectiva: ‘Hai algo máis aburrido que ser unha princesa rosa?’, no que as protagonistas cuestionan por que deben vestir de rosa ou comportarse de determinada maneira, e ‘Cando as nenas voan alto’, no que nenas con grandes soños enfróntanse ás voces que lles din o que poden e non poden facer polo simple feito de seren nenas.
A través destas historias, o público descubrirá como moitos dos obstáculos que atopan as protagonistas non teñen que ver coas súas capacidades, senón cos estereotipos e coas desigualdades que as rodean. Unha oportunidade para reivindicar, desde a primeira infancia, o dereito a soñar sen límites, a equivocarse, a explorar e a escoller o propio camiño.
Con esta nova cita, o Concello do Rosal continúa impulsando os Venres Rebuldeiros, un ciclo que converte a biblioteca municipal nun espazo vivo arredor dos libros, da imaxinación e da palabra compartida. A actividade está enmarcadas na iniciativa ‘Ler conta moito’, un programa de dinamización da lectura que busca achegar á veciñanza ao pracer de ler e á información dun xeito lúdico e atractivo a través dos centros que pertencen á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Comparte este artigo