A alcaldesa de Mos estivo no acto de presentación dunha nova edición do encontro organizado por ASIME, que se celebrará do 27 ao 29 de abril de 2027 no IFEVI
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asistiu esta mañá ao acto de presentación oficial da quinta edición de Mindtech, a feira internacional da industria do metal e das tecnoloxías asociadas, organizada por ASIME (Asociación de Industrias del Metal y Tecnologías Asociadas de Galicia).
O encontro celebrarase do 27 ao 29 de abril de 2027 no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) e afronta a súa quinta edición consolidado como unha das principais citas industriais e tecnolóxicas do Polo Ibérico.
A organización prevé reunir máis de 250 expositores, 100 relatores e máis de 10.000 visitantes procedentes de máis de 17 países, ademais de promover centos de reunións B2B entre empresas e profesionais.
Mindtech reúne empresas e entidades de distintos ámbitos industriais, entre eles a automoción, a aeronáutica e o sector aeroespacial, a robótica e a automatización, a metalmecánica, as estruturas metálicas, as enerxías renovables, a enxeñaría e a subcontratación industrial.
A quinta edición contará tamén con espazos e actividades específicas, como a Startup Arena, na que empresas emerxentes presentarán as súas propostas tecnolóxicas ante potenciais investidores; os Mindtech Awards, que recoñecerán iniciativas empresariais en diferentes ámbitos, e os encontros B2B orientados a favorecer novas relacións comerciais.
A programación completarase coa Mindtech International Conference e con xornadas temáticas dedicadas a cuestións como a seguridade e a defensa, a mobilidade do futuro, a dixitalización, a innovación, a enerxía e o sector aeroespacial.
Con esta nova edición, ASIME continúa impulsando un encontro destinado a conectar empresas, profesionais e mercados internacionais, así como a dar visibilidade á capacidade industrial e tecnolóxica do tecido empresarial do Polo Ibérico.

