Tanxarina Títeres presenta “A Biblioteca Galáctica” este venres en Tui

Redacción

A obra recibiu o premio María Casares 2026

“A Biblioteca Galáctica” é o título do espectáculo de monicreques que Tanxarina Títeres presenta no Teatro Municipal de Tui este venres día 6 ás 19 h. A obra recibiu o premio María Casares 2026 na categoría de Mellor Espectáculo de Monicreques, obxectos e formas animadas.

Trátase dunha comedia chea de sorpresas, música e humor, creada especialmente para conmemorar o 75º Aniversario da Editorial Galaxia. Adaptada da novela de Carlos Labraña, a obra combina marionetas, narración e música, transmitindo valores como a amizade e o traballo en equipo, ao tempo que reflexiona sobre o uso da tecnoloxía e reivindica a lectura e os libros.

Miguel Borines e Andrés Giráldez son os actores-manipuladores desta obra na que Ataulfo, o rato que coida da Biblioteca Galáctica, descobre que unha ameaza se cerne sobre os personaxes dos libros infantís dos seus andeis… 

Este espectáculo vai dirixido a nenas e nenos maiores de 5 anos e ás súas familias. As entradas están á venda en tui.gal aos prezos de 4€ e 3€.

Comparte este artigo