· A súa experiencia de máis de 25 anos como secretario-interventor municipal permítelle “coñecer ben como funcionan os concellos, como se tramitan os proxectos e como se buscan recursos para executalos”
· Quere aproveitar o “potencial económico, comercial e turístico” do municipio cun proxecto “ambicioso e realista”, construído coas achegas do comercio, as empresas, as asociacións e as parroquias, axudado por un equipo “preparado e comprometido”
· O presidente provincial, Luis Menor, afirma que o PP fai unha “aposta total polo Carballiño”, escollendo a unha persoa cunha longa traxectoria vinculada ao Partido Popular, coñecedora do mundo local, con capacidade para atraer e dirixir proxectos, e que “coñece as posibilidades e o potencial do concello”
José Antonio Cerdeira Pérez (México, 1972) será o candidato do Partido Popular á alcaldía do Carballiño nas eleccións municipais de maio de 2027. Unha clara e decidida aposta do PP pola solvencia na xestión pública, non só para encabezar o proxecto popular no segundo concello da provincia de Ourense, senón tamén para trasladar esa bagaxe ás Cortes Xerais, como candidato número tres do PP de Ourense ao Senado nas eleccións xerais do 29N.
Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, Cerdeira é funcionario con habilitación de carácter nacional do corpo de secretarios-interventores desde o ano 2000 e exerceu nos concellos da Cañiza, O Pereiro de Aguiar e Boborás. Entre 2015 e 2020 dirixiu a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta de Galicia. Unha traxectoria que, segundo afirma, permítelle “coñecer ben como funcionan os concellos, como se tramitan os proxectos e como se buscan recursos para executalos”.
Presidente da xestora da agrupación local desde maio deste ano, a súa vinculación co PP vén de lonxe xa que presidiu Novas Xeracións do Carballiño entre 1990 e 1995. A súa etapa na Xunta permitiulle, ademais, traballar con Luis Menor, Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo, cos que mantén “unha relación de confianza” e unha capacidade de interlocución que quere “poñer ao servizo dos intereses do Carballiño”.
O candidato á alcaldía carballiñesa amosa o seu convencemento de que O Carballiño necesita un novo impulso, afirmando que “temos potencial económico, comercial e turístico, e debemos aproveitalo cun proxecto ambicioso e realista”. Nesta liña, márcase como obxectivo “abrir unha nova etapa e unha maneira de gobernar próxima e eficaz”. As necesidades do municipio, apunta, pasan por “apoiar a actividade económica e o comercio, favorecer o emprego e ofrecer oportunidades á mocidade”, así como por mellorar os servizos públicos, o mantemento dos espazos urbanos e rurais e a atención ás familias e ás persoas maiores. Para conseguilo “necesitamos un Concello que planifique, funcione con axilidade e aproveite os recursos doutras administracións”, sinala.
Como primeiras metas, Cerdeira márcase formar un equipo “preparado e comprometido”, escoitar os veciños e elaborar un proxecto de goberno con prioridades claras. Asume o reto “con ilusión e compromiso” e coa vontade de corresponder á veciñanza “cun proxecto a construír entre todos”.
LUIS MENOR: “O CARBALLIÑO É O SEGUNDO CONCELLO DA PROVINCIA E MERECE UN GOBERNO Á ALTURA DO SEU PESO E DA SÚA CAPACIDADE”
Pola súa banda, o presidente provincial do PP, Luis Menor, subliñou que “O Carballiño é o segundo concello da provincia e merece un goberno á altura do seu peso e da súa capacidade”.
Coa candidatura de José Antonio Cerdeira, dixo Menor, o PP fai unha “aposta total polo Carballiño”, escollendo a unha persoa cunha longa traxectoria vinculada ao Partido Popular, coñecedora do mundo local, con capacidade para atraer e dirixir proxectos, e que “coñece as posibilidades e o potencial do concello”.
Con todo, advertiu, non se trata unicamente de nomes, xa que a verdadeira aposta é “polo pobo” e ofrecer “un rumbo” ao Carballiño, evitando que volva ao pasado, tendo ao seu carón as administracións públicas con xestión exemplar do PP: A Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia “e de seguro o Estado”.
O líder dos populares ourensáns tamén puxo en valor a candidatura de José Antonio Cerdeira ao Senado, subliñando que sen dúbida será unha gran oportunidade para implicar ao Estado no progreso desta parte da provincia: “O Carballiño pode ser a gran locomotora da comarca e de Ourense”.

