O Pazo Provincial acolle unha exposición de Isabell Seidel centrada na paisaxe e na súa interpretación a través da pintura ao aire libre

Redacción
Reunión Luis Menor Pérez (Presidente da Deputación Ourense) participa na inauguración da pintora alemá, Isabel Seidel no primerio andar do Pazo provincial, acompañadlos do Director de Cultura e Deportes da Deputación Ourense, Marcos Vázquez Guzmán.

A mostra pode contemplarse no primeiro andar do edificio nobre da Deputación, dentro da iniciativa cultural de dar visibilidade a artistas ourensáns ou afincados na provincia

A creadora combina a observación directas da natureza coa expresión das sensacións e emocións que esperta cada lugar

O primeiro andar do edificio nobre da Deputación de Ourense acolle unha exposición da artista Isabell Seidel, que achega unha mirada á paisaxe a través da pintura ao aire libre. O presidente provincial, Luis Menor, visitou xunto a artista esta mostra, que forma parte da iniciativa posta en marcha neste mandato para abrir este espazo á creación artística e dar visibilidade e apoio a artistas ourensáns ou afincados na provincia.

Nacida en Lübeck (Alemaña) en 1980, Seidel é unha artista visual autodidacta especializada na pintura plein air, tanto en acuarela como en técnica mixta. O seu traballo parte da observación directa da contorna e das sensacións que evocan os lugares, cunha linguaxe caracterizada polas pinceladas vigorosas e as cores vibrantes.

Na súa proposta, a pintura serve para explorar a relación entre a natureza e a pegada humana. Máis alá da representación dunha paisaxe, a artista busca trasladar á obra a experiencia de estar nun lugar e captar un instante irrepetible. O debuxo e a experimentación no caderno constitúen a base deste proceso creativo.

A súa traxectoria abrangue tamén a ilustración, os proxectos editoriais e o deseño de estampados para coleccións de moda, con traballos para firmas e institucións como Roberto Verino, Carolina Herrera e a Universidade de Vigo. Esta actividade compleméntase coa docencia e coa participación en cursos, obradoiros e encontros artísticos nacionais e internacionais.

Fundadora da rama galega do colectivo Urban Sketchers, Seidel foi durante anos correspondente e administradora de Urban Sketchers Spain. A súa obra recibiu numerosos recoñecementos en certames de pintura, entre eles primeiros premios en Cedeira, Culleredo, Rábade, O Porriño e Noia, así como nas Balconadas de Betanzos de 2026.

A exposición dá continuidade á programación do primeiro andar do edificio nobre como espazo de encontro entre a actividade da institución provincial e a creación artística vinculada a Ourense.

Comparte este artigo