O PSOE acusa a Candia de dilapidar case un millón do Novo Norte en cinco meses e renunciar ao proxecto transformador da avenida da Coruña

Redacción

Ana González Abelleira denuncia que o Goberno local está utilizando fondos europeos para financiar obras previstas con recursos municipais e actividades de curto percorrido.

Os socialistas advirten de que Candia está deixando nun segundo plano os proxectos estratéxicos como o bulevar da Avenida da Coruña e a conexión da estación intermodal co centro histórico.

«Non cuestionamos que Lugo teña luces de Nadal ou actividades para as familias. Cuestionamos que se utilicen recursos conseguidos para transformar a cidade sen garantir os investimentos que realmente necesita», sinalou González Abelleira.


O Grupo Municipal Socialista de Lugo acusa a Candia de estar desvirtuando a finalidade dos fondos europeos de Novo Norte, ao destinar recursos extraordinarios a financiar actuacións que inicialmente estaban previstas nos orzamentos municipais e actividades de impacto inmediato, renunciando de facto aos dous grandes proxectos de transformación da zona norte. A voceira adxunta socialista, Ana González Abelleira, advirte de que esta política pode comprometer unha oportunidade histórica para impulsar a rexeneración urbanística, económica e social dunha das áreas máis poboadas da cidade.

«Conseguimos estes fondos cun proxecto serio, cunha visión de futuro e cunha folla de ruta perfectamente definida. O obxectivo era mellorar a conexión dos barrios, recuperar espazos públicos, revitalizar o comercio e transformar a zona norte de Lugo. Candia está utilizando ese traballo para cambiar as prioridades e financiar actuacións que o Concello xa tiña previsto realizar e que pretende acelerar a costa do importante para transmitir a sesns», afirmou González Abelleira.

A voceira adxunta lembrou que o propio Goberno local recoñeceu que diversas actuacións inicialmente financiadas con recursos municipais pasarían a sufragarse mediante Novo Norte. Entre elas figuran o aparcadoiro disuasorio do Ceao, cun investimento anunciado de arredor de 450.000 euros, e as actuacións de Río Eo e Otero Pedrayo, orzamentadas en aproximadamente 391.000 euros. A esta reorganización súmanse as licitacións de dous carruseis de Nadal por 79.860 euros, decoración luminosa por 62.920 euros e un mercado navideño por 94.380 euros, tamén vinculados ao PAI.

Para González Abelleira, a cuestión non é a realización destas actividades, senón a utilización dos fondos europeos para financiar gastos temporais mentres continúan pendentes investimentos que poden transformar a cidade durante décadas. «Queremos que Lugo teña unha boa programación de Nadal, que chegue aos barrios, que as familias a desfruten e que o comercio se beneficie. O que non podemos aceptar é que unha oportunidade extraordinaria para transformar a cidade acabe servindo para completar a programación municipal sen explicar que investimentos quedan garantidos», advertiu.

A socialista considera que o Goberno está confundindo a animación temporal dos espazos coa súa revitalización a medio e longo prazo. Os expedientes municipais presentan estas contratacións como parte dunha estratexia de dinamización turística e comercial, pero o Grupo Socialista reclama que se expliquen os resultados que se pretenden conseguir, como se medirán e que continuidade terán cando remate a financiación europea.

González Abelleira lembrou que Novo Norte contemplaba dous grandes proxectos que debían marcar o futuro da cidade. O primeiro, a conexión da estación intermodal co centro histórico mediante un sistema de rampas e ascensores para mellorar a accesibilidade e integrar a nova infraestrutura ferroviaria e de autobuses na vida urbana. O segundo, a transformación da Avenida da Coruña nun gran bulevar comercial, con máis espazos para as persoas, zonas verdes e unha contorna renovada para favorecer a actividade económica.

«Non estabamos falando de pequenas intervencións illadas. Queremos transformar unha das principais arterias comerciais de Lugo, mellorar a mobilidade e crear novos espazos de convivencia. Son proxectos pensados para as próximas décadas. Candia ten que explicar se mantén esa ambición ou se está conformando con actuacións de efecto inmediato», sinalou.

A voceira adxunta vinculou estas decisións coa política de modificacións orzamentarias que o Grupo Socialista vén denunciando nas últimas semanas. En outubro, o PSOE cuestionou a retirada de 1,89 millóns de euros de nove investimentos municipais para financiar a primeira fase de San Fiz, ao tempo que o Goberno anunciaba que determinadas obras continuarían con cargo a Novo Norte.

«Candia está convertendo os fondos europeos nunha fonte alternativa para financiar actuacións que xa estaban previstas con recursos propios. Pode liberar cartos do orzamento municipal, pero tamén está comprometendo parte dunha financiación extraordinaria que se conseguiu para desenvolver unha estratexia de cidade. O que queremos saber é que proxectos se están sacrificando con estas decisións», denunciou González Abelleira.

O Grupo Socialista advirte tamén da necesidade de avaliar a sostibilidade desta programación no futuro. As actividades navideñas poden contribuír á dinamización comercial, pero a súa duración limitada obriga a explicar que resultados permanecerán nos barrios e como se pretende dar continuidade a estas iniciativas sen depender dos fondos extraordinarios.

Finalmente, Ana González Abelleira esixiu ao Goberno local que faga pública a programación actualizada de Novo Norte, a distribución da financiación entre as diferentes actuacións e o calendario de execución dos proxectos estratéxicos.

«Novo Norte naceu para transformar Lugo, non para converterse nun instrumento de promoción persoal da señora Candia. Non imos aceptar que se dilapiden recursos que conseguimos para mellorar a vida de miles de veciños e veciñas. Lugo merece proxectos de futuro, non unha política municipal condicionada polo calendario electoral», concluíu.

Comparte este artigo