O concello de Redondela sancionará aos responsables dun vertido ilegal en Vilar

Redacción

– A vertedura localizouse preto do aeroporto de Peinador nunha inspección rutineira do Concello. A investigación permitiu identificar aos responsables, que son veciños doutro municipio da comarca. A multa por esta infracción vai desde os 750 ata 3.000 euros.

– O departamento de Medio Ambiente investiga un segundo vertido na zona de Río Frío, Chapela. O Concello lembra que existe un servizo de recollida de residuos voluminosos gratuíto, e que é responsabilidade de toda a veciñanza xestionar correctamente o lixo.

O Concello de Redondela, a través do departamento de Medio Ambiente, está a tramitar un expediente sancionador contra os responsables dun vertido ilegal localizado na parroquia de Vilar, preto do aeroporto. O vertido de mobles, colchóns, paneis, restos de madeira, etc. foi localizado nunha inspección rutineira do Concello. A investigación realizada polos servizos municipais identificou aos autores desta infracción. Trátase de residentes doutro concello da comarca que se desprazaron ata Redondela para abandonar os refugallos na vía pública. Consonte á normativa vixente, a sanción económica á que se enfrontan os infractores oscila entre os 750 euros e os 3.000 euros. O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, amosou o seu rexeitamento a estas actitudes incívicas e advertiu que a administración local actuará con contundencia: “Non imos tolerar que Redondela sexa o vertedoiro de ninguén. Grazas á alerta da veciñanza puidemos dar cos responsables e aplicaremos as sancións correspondentes coa máxima firmeza, porque verter lixo de xeito ilegal ten consecuencias”.

Nova investigación en Chapela e chamada á responsabilidade

Paralelamente, desde o Concello estase a investigar outro vertido na zona de Río Frío, na parroquia de Chapela, que se detectou grazas á colaboración veciñal. Os servizos de inspección recadaron indicios para localizar aos autores deste feito. Ante esta situación,a concellería de Infraestruturas e Sostibilidade lembra que existe un servizo gratuíto de recollida de residuos voluminosos  a disposición de toda a veciñanza para evitar o abandono de obxectos na vía pública ou no monte. O concelleiro Roberto Villar incide na necesidade de concienciar á poboación para facer unha xestión correcta dos residuos: “Manter os espazos públicos limpos é responsabilidade de todos e todas. Dispoñemos dun servizo gratuíto para recoller estes residuos sen danar o noso territorio, facer un uso correcto deste servizo é unha obriga cidadá básica se queremos protexer o noso patrimonio natural”.

O Concello de Redondela reitera o agradecemento á veciñanza pola colaboración, ao tempo que solicita que se sigan a comunicar estas prácticas delituosas a través das canles municipais ou da Policía Local “para erradicar os vertido ilegais no municipio”.

Comparte este artigo