As plantas medicinais recoñecidas pola Axencia Europea do Medicamento centran a primeira conferencia das XXXVII Xornadas Luis Asorey na Deputación

Redacción

– O ciclo, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación, arrancou este luns no Pazo de San Marcos a cargo do catedrático Antonio Rigueiro

– Ata o 19 de novembro debateranse da man de sete especialistas as posibilidades terapéuticas dos recursos naturais desde a evidencia científica

– O deputado de medio ambiente, Carlos López, destacou na inauguración a riqueza natural de Lugo como fonte de coñecemento, oportunidades e benestar para as persoas

O salón de actos do Pazo de San Marcos acolleu este luns a inauguración das XXXVII Xornadas Luis Asorey, que nesta edición se desenvolven baixo o título A medicina natural: de remedios tradicionais a evidencias científicas. O ciclo gratuíto, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e coa Deputación de Lugo, reúne do 9 ao 19 de novembro a sete especialistas para analizar as posibilidades terapéuticas dos recursos naturais desde o ámbito científico.

A primeira sesión, á que asistiron decenas de persoas, correu a cargo de Antonio Rigueiro Rodríguez, doutor en Enxeñaría de Montes, profesor emérito da USC e presidente da Asociación Forestal de Galicia, que impartiu a conferencia Fitoterapia: da tradición á evidencia científica. Plantas medicinais recoñecidas pola Axencia Europea do Medicamento. Durante a súa intervención, abordou o uso das plantas medicinais e o seu paso dos remedios tradicionais ao recoñecemento das súas propiedades terapéuticas por parte dos organismos científicos e sanitarios.

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, destacou na inauguración a importancia de apoiar iniciativas como estas e puxo en valor a riqueza natural da provincia, que tamén representa unha fonte de coñecemento e benestar para as persoas. Ademais, incidiu na necesidade de estudar os recursos naturais desde unha perspectiva científica para coñecer o seu verdadeiro potencial.

As conferencias celébranse en horario de 19:00 a 21:00 horas e as persoas interesadas poden asistir presencialmente ou seguir as sesións en liña, a través da canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da institución provincial: https://www.youtube.com/@FUNDACIONTIC. A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través do seguinte formulario: https://forms.gle/WGqsBKouo8nN8mHa6.

O programa continúa este martes

10 de novembro: A cura balnearia: indicacións actuais e fundamento científico, impartida por Juan Jesús Gestal Otero, doutor en Medicina e Cirurxía, profesor emérito da USC e director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia.

11 de novembro: O potencial medicinal dos compostos mariños das microalgas visto desde a Universidade, a cargo de Luis Miguel Botana López, doutor en Farmacia e catedrático de Farmacoloxía da USC.

16 de novembro: Micoterapia: da tradición á evidencia científica, impartida por Julián Alonso Díaz, doutor en Veterinaria e presidente da Sociedade Micolóxica LUCUS.

17 de novembro: Cultivo e comercialización de plantas medicinais. Presentacións e preparados, a cargo de Rosa Romero Franco, doutora en Bioloxía, profesora titular da USC e exdirectora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.

18 de novembro: Saúde ambiental: a exposición ao gas radón e os seus efectos sobre a saúde, impartida por Lucía Martín de Bernardo Gisbert, doutora en Epidemioloxía e Saúde Pública e profesora da USC.

19 de novembro: Onde o bosque e a saúde se encontran: os baños de bosque, a cargo de Mercedes Rois Díaz, doutora en Enxeñaría de Montes e fundadora e CEO de Raíces-Reconecta contigo.

Comparte este artigo