A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, supervisou estes días o avance das obras de mellora da seguridade viaria nos camiños de San Cosme e da Quinta, na parroquia de Cela, acompañada polo concelleiro Camilo Grandal. Trala execución dos traballos de asfaltado, está previsto que o vial quede aberto ao tráfico o vindeiro 9 de novembro, cumprindo así o prazo previsto para a intervención.
A actuación conta cun investimento total de 300.000 euros, dos que 240.000 euros son financiados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia, mentres que os 60.000 euros restantes proceden de fondos propios municipais.
O proxecto abrangue o tramo do Camiño de San Cosme comprendido entre Cela e o cruce co Camiño de Pardellas, á entrada do Colexio O Castro Internacional, e tiña como obxectivo mellorar as condicións de circulación e reforzar a seguridade viaria.
Os traballos incluían actuacións como a renovación do pavimento, a mellora da drenaxe, a renovación do alumeado público e a instalación de nova sinalización.
Ademais, aproveitouse a execución das obras para conectar á rede de saneamento catro acometidas que estaban pendentes, completando así conexións que aínda non estaban realizadas.
Con esta intervención, o Concello de Mos mellora as condicións de seguridade e os servizos municipais nun vial de Cela, cunha actuación que se está a desenvolver dentro do calendario establecido.

