A Xunta apioa a posta en marcha da Aula de Turismo de Galicia na Universidade de Vigo para a formación e investigación no sector turístico

Redacción

O acordo contempla o acondicionamento e equipamento dun espazo na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo destinado á docencia, a investigación aplicada, a experimentación tecnolóxica e a colaboración co sector turístico

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo para a creación e desenvolvemento da Aula Turismo de Galicia na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, situada no campus de Ourense.

O convenio establece actuacións de adecuación e equipamento dun espazo universitario que funcionará como centro para a creatividade, a innovación docente, a investigación aplicada e a innovación profesional no ámbito turístico.

A Aula Turismo de Galicia estará dirixida a estudantes, profesorado, persoal investigador da Facultade e profesionais do sector. Entre os seus obxectivos figuran a aplicación de metodoloxías innovadoras, creativas e participativas, a transferencia de coñecemento, a experimentación tecnolóxica e a colaboración co tecido institucional e empresarial do turismo galego.

A iniciativa enmárcase na colaboración que Turismo de Galicia mantén desde hai anos coa Universidade de Vigo en materia de formación e especialización turística para favorecer a competitividade do destino, a captación de talento e a adaptación do sector aos novos retos e demandas do mercado turístico.

Entre as actuacións desenvolvidas figura o apoio ao Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde.

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo imparte o Grao en Turismo e o Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde. A súa actividade académica e investigadora abrangue ámbitos como a dixitalización, a sostibilidade e o desenvolvemento de modelos turísticos intelixentes e de experiencia.

Esta convenio tamén inclúe a realización de prácticas profesionais tuteladas na Axencia de Turismo de Galicia para alumnado do Grao en Turismo e do máster.

Comparte este artigo