O resultado das votacións, que rexitran 1.254 votos máis que na pasada edición, darase a coñecer este domingo, 15 de novembro, ás 12.00 horas, no Pazo de Mos
A segunda edición dos Orzamentos Participativos Mos Decide 2027 pechou o período de votación cun total de 3.501 votos, 1.254 máis que na primeira edición. Unha cifra que amosa o incremento da participación veciñal e a aposta do Concello de Mos por dar continuidade a este proceso, no que a cidadanía decide directamente sobre unha parte dos recursos municipais.
Nesta convocatoria chegaron á fase final 18 propostas, previamente revisadas polo comité técnico municipal para comprobar que cumprían as condicións establecidas nas bases. Durante o período de votación, a veciñanza puido escoller entre as distintas iniciativas, todas elas vinculadas a actuacións de interese xeral para o municipio.
O proceso conta cun orzamento máximo de 200.000 euros, que se destinarán á execución da proposta que obteña o maior número de votos. O resultado darase a coñecer o vindeiro domingo 15 de novembro, ás 12.00 horas, nun acto no Pazo de Mos, no que se presentará a iniciativa gañadora desta segunda edición e se fará público o resultado da votación.
Esta edición de Mos Decide comezou en setembro cunha rolda de reunións con colectivos e asociacións do municipio, co obxectivo de escoitar as súas achegas e incorporar diferentes sectores do tecido asociativo, social e económico de Mos.
Con esta segunda convocatoria, o Concello continúa impulsando un modelo de participación no que a veciñanza non só pode trasladar as súas propostas, senón tamén decidir cal delas considera prioritaria para o futuro do municipio.

